A Deputación de Pontevedra mantén o seu apoio á SD Teucro
A deputada Ana Isabel Vázquez reuniuse esta mañá co presidente da Sociedade Deportiva Teucro, Carlos García-Alén Costa, no Pazo provincial, para entregarlle a acta presidencial pola que se lle conceden 25.000 euros para a participación do club en ligas e competicións oficiais.
O encontro serviu tamén para que a deputada felicitase o dirixente do Teucro polo ascenso conseguido a pasada fin de semana á máxima categoría do balonmán nacional.
Carlos García agradeceu este apoio da Deputación, “sen o cal non sería posible que o Teucro se fixese maior e ascendese a Asobal”, un apoio que agora considera vital para competir na Liga Asobal. “É clave que as administracións manteñan as súas axudas porque, facendo contas do que implica o ascenso, necesitamos uns 100.000 euros máis, que debemos conseguir entre todos: patrocinadores privados, masa social e administracións”.
O presidente da SD Teucro tamén amosou a súa satisfacción polo respaldo que o organismo provincial lle brindou á entidade nos actos desenvolvidos hai uns meses con motivo do 70 aniversario do club e o compromiso que a Deputación mantén sempre coa entidade pontevedresa.











