A Deputación de Pontevedra inviste 61.000 euros na reparación do pavillón municipal Pablo Herbello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+

A Deputación acordou financiar, na Xunta de Goberno deste venres, as obras de mellora presentadas polo Concello de Bueu para acondicionar o pavillón Pablo Herbello, a través dos fondos do Plan Provincial de Obras e Servizos (PPOS) 2015. Segundo recolle o proxecto aprobado pola institución provincial financiaranse, por importe de 61.000 euros, tres actuacións: a reparación dos caleiros da cuberta, a modificación da saída de emerxencia do recinto e a substitución da rede de canalización de auga dos vestiarios.

Reparación dos caleiros da cuberta

O actual estado da cuberta do pavillón, con goteiras e filtracións, permite a entrada de auga ó interior da instalación por mor do mal estado de conservación dos caleiros. Neste sentido, é necesario realizar traballos de limpeza nestas canles para eliminar o lixo acumulado nelas.

Así mesmo, repararanse e cambiaranse todos os elementos da cuberta en mal estado, nivelaranse os caleiros para conseguir unha correcta evacuación das augas pluviais, selaranse todas as fisuras e perforacións das zonas deterioradas para garantir a impermeabilización da cuberta e substituiranse as baixantes de auga.

Modificación da saída de emerxencia

Esta actuación tamén contempla a modificación da saída de emerxencia da á sueste do pavillón, onde se quere construír un almacén, para, nun futuro, poder habilitar esa zona como sala de caldeiras. Para iso será necesario pechar o oco no que agora se atopa a porta de saída de emerxencia, que se situará na fachada lateral do edificio, así como construír tabiques interiores para delimitar o espazo reservado a almacén.

Nova rede de canalización de auga nos vestiarios

O proxecto de reparación do pavillón municipal Pablo Herbello tamén contempla a realización de traballos para cambiar a rede de canalización de auga fría e quente dos vestiarios. As actuais redes de ferro substituiranse por outras de polipropileno resistentes á temperatura.

29 de maio de 2015 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.