A Deputación de Pontevedra destina 20.000 euros á AECC para financiar a Unidade Móbil de Coidados Paliativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación seguirá a colaborar, un ano máis, coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para garantir o mantemento da Unidade Móbil de Coidados Paliativos. A deputada Ana Isabel Vázquez e a responsable da xunta provincial de Pontevedra da AECC asinaron un convenio de colaboración para contribuír ó financiamento desa unidade móbil por importe de 20.000 euros.

Unidade Móbil de Coidados Paliativos

A Unidade Móbil de Coidados Paliativos permítelle á asociación prestar un servizo de atención domiciliaria para coidar, nas súas casas, os enfermos de cancro en fase avanzada. O obxectivo deste servizo é mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos en fase terminal que desexen permanecer no seu fogar.

Os coidados paliativos representan a atención integral, individualizada e continuada das persoas (e as súas familias) cunha enfermidade avanzada, progresiva ou terminal, que teñen múltiples síntomas multifactoriais, cambiantes, con alto impacto emocional, social e espiritual, e alta necesidade e demanda de atención.

O enfermo e a familia son a unidade que se vai tratar. As familias, á vez, prestan e reciben coidados, pois coidan do seu familiar enfermo e, ó mesmo tempo, necesitan ser coidadas polo equipo terapéutico para que non claudiquen.

Esta unidade permite prestar unha atención sanitaria para tratar a sintomatoloxía física que aparece na fase terminal, así como atender as reaccións emocionais (atención psicolóxica).

Cun equipo de profesionais especializado (médico, enfermeiro e psicólogo), que lle proporciona atención personalizada a cada enfermo, desde a Unidade Móbil de Coidados Paliativos tamén se lles presta asesoramento ás familias, para que poidan afrontar adecuadamente os coidados básicos que aseguren o benestar do paciente.

25 de maio de 2015 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.