A Deputación de Pontevedra aproba a rehabilitación do contorno da igrexa de Ermelo en Bueu
Segundo se recolle no proxecto aprobado pola Deputación de Pontevedra este venres, pavimentarase o camiño tradicional que hai no lugar atendendo ás características patrimoniais deste núcleo histórico situado a carón da igrexa. Empregarase lastro granítico para lousar uniformemente o espazo co fin de garantir o seu valor e mellorar a seguridade viaria no lugar.
O camiño, eixo de comunicación principal de Ermelo, conecta a parroquia coas estradas que van a Bueu e Cela. Na actualidade circulan, indistintamente, por esta vía, vehículos e peóns que, con esta actuación, se verán favorecidos.
A obra tamén contempla que se reservará unha zona de uso exclusivo peonil con varias zonas verdes e unha parada de autobús.
O camiño serve de paso interior das vivendas que hai no contorno da igrexa ó adro do templo e dá acceso tamén a unha fonte, a unha parada de transporte escolar e a dous establecementos da zona.











