A Deputación de Pontevedra apoia ao Club Cisne Balonmano
A deputada Ana Isabel Vázquez entregoulle ó presidente da entidade, Santiago Picallo, a acta presidencial pola que se lle conceden 10.000 euros ó club para financiar a súa participación na liga e en competicións oficiais.
“Esta axuda é clave desde hai anos, sobre todo pola circunstancias económicas dos últimos anos, aínda que o medo para o ano que vén, se se cumpre o noso obxectivo, non é tanto económico senón o esforzo que suporá para os xogadores”, aseguraba Santiago Picallo.
Despois dunha boa temporada na fase regular da Liga, no grupo I da Primeira Nacional, o Club Balonmano Cisne afronta esta fin de semana a fase de ascenso á División de Honra Prata. No pavillón municipal estarán os pontevedreses, que esperan “estar á altura do que se fixo ó longo da temporada. Pero o primeiro é competir nunha fase complicada con equipos de moito nivel”. Ante este reto deportivo a deputada Ana I. Vázquez desexoulles a máxima sorte posible, confiando en que o Club Cisne conseguirá o seu obxectivo.











