A Deputación da Coruña celebra a súa Festa das Letras en Méndez Núñez con motivo do 17 de maio
A Deputación da Coruña organiza, un ano máis, a Festa das Letras para conmemorar o Día das Letras Galegas, o 17 de maio. As actividades celebraranse ese mesmo domingo nos xardíns de Méndez Núñez, agás se chove, que se trasladarán ao centro Ágora.
O programa, dirixido ao público infantil e xuvenil, comezará ás 17.30 horas cos xogos populares. Da man dun paxaro pequeno e imaxinativo chamado Paporrubio, os pequenos pasearán por unha horta chega de xogos ao tempo que descobren pequenas historias contadas polos animais.
Ademais, ás sete da tarde está prevista a actuación de Mamá Cabra. O grupo infantil cumpre 15 anos e presenta o seu novo espectáculo no que fará un percorrido pola súa historia e as súas mellores cancións. O espectáculo terá un formato de concerto-teatro.
Ademais, a finais deste mes está previsto tamén dar a coñecer ao gañador do premio Rosalía de Castro deste ano que conmemora o traballo dunha persoa ou un colectivo en favor da lingua e cultura galegas. O seleccionado levará 4.500 euros, dotación económica incorporada ao galardón hai tres anos pola Deputación provincial.











