A Deputación celebra o Día de Europa co segundo concurso de fotografía Cidadáns Europeos en Galicia
O centro dependente da Deputación da Coruña, Europe Direct organiza o segundo concurso de fotografía con motivo do Día de Europa que se celebra mañá, sábado 9 de maio. O certame, organizado en colaboración cos centros de Europe Direct de Lugo e da Cámara de Ourense, leva este ano por lema “30 anos na Unión Europea”. Preténdese así conmemorar o XXX aniversario da adhesión de España á UE.
Cada participante, que debe ser maior de idade e residente en Galicia, poderá presentar unha única fotografía orixinal e inédita ou ben unha montaxe cunha resolución mínima de 300 píxeles. As imaxes deben mostrar os cambios que teñen experimentado tanto os cidadáns coma as localidades tras esta adhesión.
O autor da fotografía seleccionada conseguirá unha tablet e haberá un segundo premio dun libro electrónico. As fotografías deben enviarse a ciudadanoseuropeosengalicia@gmail.com dende mañá ata o 29 de maio ás 14.00 horas.
Ademais, hoxe Europe Direct A Coruña estará na Biblioteca Provincial de 18.00 a 20.00 horas ofrecendo un taller para nenos que conmemore este aniversario. Os participantes realizarán un libro con imaxes e texto para celebrar a entrada de España na UE.











