A Deputación autoriza a retirada dos indicadores a unha casa de turismo rural pechada desde hai cinco anos
Castelo, situado en Naraío, abandonado desde hai case cinco anos. Nos últimos tres anos, o Concello solicitoulle á Deputación da Coruña en varias ocasións a eliminación dos indicadores para evitar confusións. Hai escasas semanas o organismo provincial -que contratara a sinalización dentro do Plan de Dinamización do Produto Turístico Ferrol-Ortegal- comunicou a autorización para sacar postes e carteis, logo de que se publicase a baixa oficial do establecemento no rexistro de empresas turísticas de Galicia. Con todo, aínda hai tres sinais ao pé da estrada de Ortigueira, ubicados en territorio de Neda e Narón.
O hotel rural Muíño do Castelo, situado en Naraío, pechou as súas portas no 2010 tras escasos cinco anos de funcionamento. No seu día converteuse nun referente turístico da comarca pola súa amplitude e pola calidade da rehabilitación dunha antiga casa-muíño con tres pedras moi preto da fortaleza medieval.
Tralo cesamento da actividade, o hotel non tardou en ficar abandonado e a partir de aí foron o paso do tempo e a rapiña quen fixeron o resto ata que recentemente a inmobiliaria que xestiona a venda do inmoble por algo máis de 200.000 euros colocase medidas de seguridade para frear o seu deterioramento.
En 2013 a Deputación da Coruña iniciou un proxecto de sinalización de recursos turísticos dentro do PDPT Ferrol-Ortegal que xusto antes da Semana Santa do ano pasado se concretou, entre outras actuacións, coa colocación dunha ducia de indicadores con dirección ao aloxamento pechado. Deles, 9 puxéronse en San Sadurniño mentres que os tres restantes aínda son visibles en Vista Alegre en ambos sentidos da estrada de Ortigueira, dous en Doso (Narón) e o outro xa en territorio de Anca (Neda).
Os situados no concello de San Sadurniño -principalmente en Naraío- foron retirados este martes pola mañá por persoal municipal co obxectivo de evitarlle unha volta innecesaria a calquera visitante que poida seguir os indicadores na crenza de que o establecemento aínda está aberto.
Deste xeito finaliza -alomenos en San Sadurniño- un proceso que comezou en 2013 coa primeira comunicación á Deputación sobre o feito de que o Muíño do Castelo estaba abandonado que, máis adiante, se lle volvería trasladar ao ente provincial en dúas ocasións: días antes da Semana Santa de 2014 -momento en que a empresa contratada pola Deputación colocou a maior parte dos carteis- e, de novo, en marzo pasado. Un mes despois da última misiva municipal, entrou por rexistro unha carta do departamento provincial de Promoción Económica, Turismo e Emprego notificándolle ao Concello a autorización para quitar os indicadores. Unha autorización motivada pola publicación no DOG da baixa de oficio da clasificación turística do hotel rústico e da cancelación da súa inscrición no rexistro de empresas e actividades turísticas de Galicia.











