A Coruña súmase ao Día dos Museos con xornadas de portas abertas e multitude de actividades
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa o programa que os espazos culturais da cidade deseñaron con motivo da celebración, o luns 18 de maio, do Día Internacional dos Museos. Así, cumprindo co obxectivo municipal de achegar a cultura a todos os cidadáns e, sobre todo, aos máis pequenos, os actos incluirán exposicións, concertos, visitas guiadas ou talleres.
O propio luns os Museos Científicos Coruñeses celebrarán unha xornada de portas abertas e antes, este sábado día 16, realizaranse distintas actividades noutros espazos da cidade.
Así, as casas Museos concentrarán gran parte da programación familiar que será gratuíta:
– Casa Museo Picasso celebrará, de 17.30 a 18.30 horas, o espectáculo de maxia O centífico do futuro, cunha viaxe aos tempos nos que Picasso percorría a cidade.
– Casa Museo María Pita, de 18.00 a 19.30 horas, presenta a actividade Xogos e xoguetes tradicionais para que os máis pequenos se familiaricen coa infancia que viviron os seus avós.
– Casa Museo Casares Quiroga recibirá, de 19.30 a 20.30 horas, ao “home orquestra” Cé Orquestra Pantasma, unha figura tradicional que fará un percorrido polas cancións tradicionais da cultura galega.
Tamén contará con programación familiar o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón que organiza, de 11.30 a 13.00 horas, un taller infantil de cerámica (a partir de 7 anos). Ademais, haberá visitas guiadas para adultos, ás 12.00 horas e ás 19.00 horas; e, ás 22.30 horas, celebrarase unha actividade divulgativa a cargo do director do museo: O nacemento da Coruña: entre o Castro de Elviña e a Torre de Hércules.
O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt)ofrecerá, ás 20.00, 21.00 e 22.00 horas, visitas teatralizadas nas que inventores e innovadores españois guiarán aos visitantes; no Museo de Arte Contemporánea (MAC), os visitantes poderán expresar o seu talento en papel reciclado e con lapis ecolóxicos a través da actividade “Por unha arte en termos de sostenibilidade”, que se celebra de 17.30 a 22.00 horas; e na Fundación Pedro Barrié da Maza poderanse visitar, ata as 01.00 horas, a exposición 25 anos da UDC. A Universidade na Coruña e Ferrol e a mostra permanente de Francisco Llorente.
As salas de exposicións municipais tamén se suman á celebración do Día Internacional dos Museos coa seguinte programación:
– Quiosco Alfonso. Visita guiada á exposición Non falemos de Picasso, ás 21.00 horas.
– Fundación Luís Seoane (de 11.00 a 00.00 horas). Xornada de portas abertas coas exposicións Picasso nos seus carteis; Cascallos, de Ángela da Cruz e Crónicas desde a Seoane, de Tatiana Medad.
Tamén haberá xornada de portas abertas na Torre de Hércules que, ademais, ofrecerá aos visitantes a posibilidade de realizarse fotografías cun garda imperial do Exército Romano. Nos xardíns de Méndez Núñez, de 17.00 a 20.00 horas, instalaranse cinco mesas para que os nenos e nenas poidan experimentar con diversas técnicas coas que traballou Picasso de neno e de adulto.
Por último, o Museo de Belas Artes organiza actividades durante todo o fin de semana.
Así, mañá, venres 15 de maio, ás 20.30 horas, acollerá o concerto de Xoel López.
O sábado 16, con horario especial de apertura até as 00.00 horas, haberá visitas guiadas gratuítas á exposición O primeiro Picasso. A Coruña 2015, ás 19.30, 20.30 e 21.30 horas; e un concerto de jazz a cargo de Roberto Somoza Trío (22.30 horas).
O domingo 17 tamén haberá visita guiada gratuíta,ás 12.30 horas, e o taller Picasso en familia, unha proposta para toda a familia dirixida a nenos e nenas de 5 a 12 anos acompañados dun adulto.











