A Coruña acolle o II Torneo Solidario de Pádel a favor de Fegadace que organiza Aventi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A empresa Aventi Gestión Deportiva, coa axuda de Coruña Sport Centre (CSC) e dunha importante lista de entidades patrocinadoras e colaboradoras, organiza o II Torneo Solidario de Pádel a favor de FEGADACE. O torneo leva por lema “Pola prevención do dano cerebral adquirido”, e despútase desde mañá na Coruña.

As persoas participantes abonaron unha cota de inscrición de 13 euros como aportación solidaria para FEGADACE. O obxectivo deste Torneo, que organiza Aventi, é recadar fondos “Pola prevención do dano cerebral adquirido”, que serán entregados a FEGADACE despois da súa celebración. A Federación destinará o diñeiro ás súas campañas de prevención do dano cerebral, que está intimamente relacionada coa promoción de hábitos saudábeis como a práctica de exercicio. 

O Torneo xógase mañá, sábado 23, desde as 16:00, e pasado mañá, domingo 24 de maio. Hai dúas categorías: iniciación e amateur. Cada parella ten garantido o xogo de, cando menos, dous partidos. Ademais, haberá trofeos e premios para as persoas gañadoras, e todas as participantes van recibir un welcome pack. Está previsto que a xornada do domingo comece ás 18:00. Xogaranse as finais e a vicepresidenta de FEGADACE, Luisa Ramírez, estará no acto de entrega dos trofeos e agasallos. Todo o torneo terá como escenario o Coruña Sport Centre, en Matogrande (A Coruña). 

A práctica habitual dun deporte como o pádel axuda a previr o ictus, que é a principal causa do dano cerebral adquirido (no 78% dos casos). O ictus ten algúns factores de risco nos que non se pode incidir, como a idade ou a herdanza xenética, e outros que si se poden modificar: hipertensión, colesterol, sedentarismo, tabaquismo, obesidade… Todos estes factores de risco son revertíbeis a través duns hábitos de vida saudábeis, que pasan necesariamente polo deporte e por unha dieta equilibrada.

FEGADACE agradece a organización deste evento a Aventi, a CSC e a todas as entidades patrocinadoras (Ortotiendas Clyco, Clínica Dental Martínez Rioboo, Bonilla a la vista, Fructífera, Infinity Visión e Pinhole) e colaboradoras (Decathlon, Deporte Campeón, Meliá María Pita, Eroski Center, 220 Beats, Mamá Dolores, La Peluquería, Cervecería Rivera 2, Diseño Sofá e Sport Café).

22 de maio de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.