A Coruña acolle o domingo o evento deportivo ‘España se mueve’
O Concello da Coruña, a través da área de Deportes que dirixe Francisco Mourelo, informa da celebración, o vindeiro domingo 17 de maio, do evento lúdico e deportivo España se mueve, que se realizará durante toda a mañá na chaira de O Parrote.
Trátase dunha actividade organizada polos Centros Supera e auspiciado pola Fundación Deporte Xoven do Consello Superior de Deportes que busca promocionar a actividade física por toda a xeografía española a través dunha serie de xornadas deportivas gratuítas.
Deste xeito, todos os cidadáns que o desexen poderán sumarse a esta iniciativa facendo deporte e exercicio xunto cos seus familiares e amigos á vez que descobren que coidarse non ten por que ser un sacrificio. Masterclass de diversas disciplinas, torneos deportivos, retos espartanos, xogos deportivos familiares, actividades para nenos e adestramentos e talleres específicos dotarán de contido a unha xornada que pretende animar a todos os coruñeses e coruñesas a levantarse da cadeira e gozar da práctica deportiva lúdica.











