A Coruña acolle novamente a Copa de Europa Junior de Judo

Presentación do campionato
O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín e o presidente, vicepresidente, coordinador deportivo e tesoureiro da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, Eduardo Galán, Juan Carlos Purriños e Miguel Ramos, informou esta mañá sobre a celebración, este fin de semana no Coliseum, da Copa de Europa Junior de Judo – XVII Internacional Teresa Herrera. Así, a cidade acollerá por cuarto ano consecutivo este evento no que participarán máis de 450 persoas, entre deportistas, técnicos, árbitros e delegados.
En concreto, os días 23 e 24 de maio, 298 competidores de 22 países, converterán á cidade na capital europea desta disciplina deportiva reunindo ás grandes promesas deste deporte. A competición desenvolverase en dúas xornadas, sábado e domingo, en oito grupos, segundo o peso, en categoría masculina e outros tantos en categoría feminina. En total participarán 173 judokas na categoría masculina e 125 judokas na categoría feminina de 22 federacións nacionais (Bélxica, Reino Unido, Croacia, República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Israel, Italia, Noruega, Portugal, Rusia, Eslovenia, España, Suecia, Suíza, Turquía, Ucraína, Canadá, Costa Rica e Perú) e 11 comunidades autónomas: Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Cataluña, País Vasco, Estremadura, Galicia, Madrid, Navarra e Valencia.
Galicia conta coa participación de 21 judokas, 13 da cidade da Coruña, que aspiran a igualar e mesmo superar o ouro conseguido o ano pasado por Tecla Cadilla, as quintas prazas de Cristina Martínez, Paula Yáñez, Miriam García, Sergio Trillo; e os sétimos postos de Adrián Mucientes e Guillermo Cordeiro.
Desde a Concellaría de Deportes destácanse os atractivos da cidade para acoller eventos deportivos de primeiro nivel e o compromiso do Goberno municipal por inculcar a práctica deportiva, sobre todo nos máis novos, e fomentar o deporte base.
“Non é nova a tradición do Judo na Coruña. De feito, o pasado fin de semana, máis de 3.000 nenos celebraron a gran festa deste deporte: o Trofeo Miguelito, con máis de 25 anos de tradición na cidade”, destacou o concelleiro.
A Copa de Europa Junior de Judo está organizada polas Federacións Europea, Española e Galega e o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte, o Concello da Coruña e a Deputación Provincial da Coruña.
Coincidindo con este torneo, entre os días 25 e 27 de maio celebrarase un campo de adestramento voluntario. “Trátase de dotar aos países participantes dun lugar para adestrar entre eles. Trátase dunha práctica moi beneficiosa e que cada vez ten máis aceptación xa que dá aos participantes a oportunidade de adestrar con rivais do seu nivel”, concluíu Francisco Mourelo.











