A Confraría da Guarda denuncia unha agresión na zona de Oia por parte de tres furtivos
A Confraría da Guarda denunciou unha agresión a efectivos do seu servizo de vixilancia por parte de tres furtivos que se atopaban extraendo percebe na zona coñecida como Capela de San Sebastián, no termo municipal de Oia. Segundo fontes do depósito, os feitos tiveron lugar ao mediodía do martes, cando tres homes que xa foran expulsados das rocas polo servizo de Gardacostas da Xunta, estaban nas inmediacións da capela, onde lles esperaba un vehículo conducido por unha muller.
Nese momento foron detectados polo servizo de vixilancia da confraría, que lles comisou certa cantidade de percebe, extraído sen autorización. Un dos individuos, sempre segundo a versión da confraría, abalanzouse sobre o persoal de vixilancia e produciuse un forcexeo, no que caeron ao chan e producíronse contusións. A confraría avanzou que presentará ante a Garda Civil denuncia por estes feitos, que foron presenciados, aseguraron, por numerosas testemuñas.











