A compañía de María Fernanda D’Ocon presenta a comedia “Juntos y Separados”
Despois do éxito da súa primeira edición volve a II Gala Siente Coruña organizada pola Zona Comercial Obelisco. A gala terá lugar este venres 8 ás 20:30 horas e parte da recadación irá destinada á Cociña Económica da Coruña. O sábado 9 ás 20:30 horas a compañía de María Fernanda D’Ocon presenta a comedia ‘Juntos y Separados’.
Seguindo a liña de apoio ao comercio local o Teatro Colón volve acoller a Gala Siente Coruña. Un espectáculo cheo de moda, baile e música co que traballar e apoiar o noso entorno socioeconómico máis próximo. As entradas teñen un prezo de 3 € e parte da recadación irá destinada á Cociña Económica da Coruña.
Unha historia de amor aos setenta
O sábado 9 María Fernanda D’Ocon e Carlos Manuel Díaz protagonizan ‘Juntos y Separados’, unha comedia da francesa Francoise Dorin dirixida por Ángel Fernández Montesino.
Juntos y Separados narra o reencontro dunha parella que pensou que nunca volvería a coincidir. Os dous teñen carácteres, estilo e afeccións distintas pero quizais este encontro os una de novo. Esta comedia na que destaca a interpretación dos seus dous protagonistas fálanos do amor na terceira idade. Un editor xubilado e unha señora pouco reflexiva son os protagonistas desta historia, unha foto antiga e uns prismáticos son as dúas pistas que nos levarán ata o sorprendente final desta comedia.
Trátase dunha produción da compañía de María Fernanda D’Ocon que protagoniza ela mesma. Considerada unha das grandes damas da escena en España Mª Fernanda D’Ocon foi primeira actriz no Teatro Nacional María Guerrero durante dez anos. É todo un referente no mundo da interpretación, o seu trabalo foi recoñecido co Premio Mayte de Teatro, dúas veces co Premio Nacional de Teatro e co Premio Miguel Mihura. Recibiu ademais o Premio Memorial Margarita Xirgu en 1973 e a medalla de Ouro de Belas Artes no 2002.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











