A CEP e GAIN unen sinerxías para fomentar innovación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros Arce, recibiu a Manuel Varela, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), na sede da CEP, onde sopesaron as posibilidades de colaboración entre ambas as institucións en materia de innovacion.

Esta reunión permitiu profundar nos ámbitos de cooperación que o presidente da CEP acordara con Francisco Conde, titular da Consellería de Economía e Industria, da que depende GAIN, durante o seu encontro do 23 de abril.

Así, Cebreiros e Varela coincidiron na aposta por reindustrializar as empresas tractoras de sectores estratéxicos da provincia de Pontevedra cuxos casos de éxito poidan servir de exemplo de industrialización 4.0 para todas as pemes pontevedresas.

A próxima convocatoria de Proxecto de Cooperación Transronteriza España Portugal serviu de punto de partida para acordar a posibilidade de presentar proxectos conxuntos, cun enfoque aliñado coa política europea de especialización intelixente (RIS3) pensada para o territorio galego.

O presidente da CEP expuxo ao director de GAIN que tamén é viable a colaboración no marco da convocatoria do programa Innterconecta. A Confederación comprometeuse a axudar ás empresas na fixación de obxectivos e a acompañalas no proceso de presentación de candidaturas, no que contaría co asesoramento da Axencia Galega de Innovación.

Esta mesma liña colaborativa aplicaríase na presentación de proxectos individuais de empresas que decidan acceder ás convocatorias do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e nos proxectos vinculados ás próximas convocatorias do Horizonte 2020 da UE.

Por último, Jorge Cebreiros e Manuel Varela estudaron que papel podería corresponderlle á CEP nas oportunidades que van presentar os mecanismos de Compra Publica Innovadora en diferentes campos e Organismos para consorcios de empresas de Pontevedra

8 de maio de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.