“A casa nostra: familia e poder no Trega” comeza os eventos do Día Internacional dos Museos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Este sábado o Concello da Guarda, coa colaboración do Padroado Municipal do Monte Santa Trega, celebra o Día Internacional dos Museos con diferentes actividades gratuítas dirixidas tanto a nenos coma a adultos.

A primeira delas, que leva por nome “A casa nostra: familia e poder no Trega”, comezará as 12,30 no monte Santa Trega. Esta actividade consiste en unha visita guiada que ten por obxectivo mostrar a todos os presentes como se artellaban e se manifestaban as relacións de poder no castro, a través dun percorrido por diferentes unidades familiares. O punto de encontro para comezar a inmersión na historia é a casa reconstruída. Esta visita contará coa colaboración da Câmara Municipal de Póvoa de Varzim.

Pola tarde, a partir das 17 horas, no Museo do Mar comezará o “Obradoiro de cordas artesanais de cánamo”. Nesta actividade, Enrique Gómez Maya, mostrará a todos os presentes a maneira de fabricalas e tamén os usos que se lle daban e se lle seguen danto a este tipo de cordas.

O programa pechará coa visita “Flora e Fauna no Castelo de Santa Cruz”, a cargo de Manuel Álvarez Vicente e diferentes membros da asociación “A Jalleira”. Nesta actividade, que dará comezo ás 19 horas, os guías explicarán a todos aqueles interesados a historia da fortaleza, o seu importante patrimonio cultural, e a cantidade e moi diferente flora e fauna que convive neste espazo.

Os interesados non precisan ningunha inscrición para participar en cada unha destas actividades, o único que teñen que facer é estar presentes no lugar indicado a hora das visitas.

O Concello espera que moitos veciños e veciñas da localidade e tamén visitantes da Guarda participen no programa preparado para conmemorar o Día Internacional dos Museos.

15 de maio de 2015 | 10:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.