A Casa das Ciencias celebra o 30 aniversario cunha observación astronómica, proxeccións e espectáculo de maxia
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, ofrecen un fin de semana repleto de actividades con motivo do seu 30 aniversario. O programa iniciarase cunha observación astronómica popular mañá, sábado 30 de maio, ás 22.00 horas no parque de Santa Margarita, organizada coa colaboración da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.
O domingo, 31 de maio, a Casa das Ciencias abrirá as súas portas de 10.00 a 19.00 horas para que os cidadáns poidan gozar do museo de forma gratuíta. Esta xornada de portas abertas contará tamén cunha programación especial do Planetario. Para asistir a estas proxeccións é necesario retirar unha invitación, que se repartirá media hora antes de cada sesión (máximo 2 por persoa):
11.00 horas – Bacteria Mutante (galego)
12.00 horas – Deep Sky (castelán)
13.00 horas – La niña que sabía caminar al revés (castelán)
16.00 horas – Noche estrellada en el museo (castelán)
17.00 horas – A noite do vampiro (galego)
18.00 horas – Unha noite de primavera (galego)
Como broche final, o domingo haberá un espectáculo de maxia nos exteriores da Casa das Ciencias realizado polo mago Kiko Pastur, quen utilizará algunhas das pezas máis destacadas do museo para crear un espectáculo atractivo e participativo que asombre a nenos e maiores.
Máis de 3,6 millóns de visitantes
A Casa das Ciencias é o primeiro museo interactivo público de España, naceu o 1 de xuño de 1985 e forma parte dos Museos Científicos Coruñeses (=mc2), unha institución creada polo Concello da Coruña para a divulgación da ciencia. Nestes 30 anos, a Casa das Ciencias recibiu a máis de 3,6 millóns de visitantes, dos cales preto dunha cuarta parte foron escolares.











