A carreira pedestre da Laracha implicará o peche temporal ao tráfico de varias rúas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Con motivo da celebración da 9ª Carreira Pedestre Costa da Morte, durante a mañá deste domingo (a partir das 9:30 horas) varias rúas do casco urbano da Laracha e a estrada que dirixe ata A Areosa (Vilaño) permanecerán pechadas á circulación dos vehículos.

Os circuítos polos que discorrerán as probas permanecerán acotados con vallas e outros elementos delimitadores para garantir durante toda a xornada a seguridade dos máis de mil corredores inscritos.

As rúas afectadas que presentarán restricións temporais ao tráfico desde as 9:30 horas e ata que remate a proba son Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Lino Gómez Canedo, Plácido Pedreira, Argentina, Santa Lucía, Eusebio Bertoa Queijo, 3ª Trav. Eusebio Bertoa Queijo e José Añón. A estrada afectada é a que dirixe desde A Laracha á parroquia de Vilaño polos núcleos de As Calzadas, Pereiro, A Balsa, A Areosa e A Botica.

O Concello da Laracha elaborou bandos nos que se informa desta situación e que foron colocados nos edificios públicos e establecementos comerciais das zonas afectadas.

Tampouco estará permitido o estacionamento de vehículos desde o sábado ás 17:00 horas en toda a rúa Manuel Murguía, entre os seus puntos de confluencia coa 1ª travesía Doutor López Astray e a rúa Plácido Pedreira (isto é, desde as inmediacións da Casa da Cultura ata despois da entrada ao IES Agra de Leborís), incluíndo a explanada fronte á biblioteca municipal da Laracha, onde estará situada a saída e a meta. Esta circunstancia estará debidamente sinalizada desde a xornada de mañá.

Durante o transcurso da proba unha vintena de persoas (axentes da Policía Local da Laracha e membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Laracha) velarán pola seguridade e o correcto desenvolvemento da xornada.

8 de maio de 2015 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.