A biblioteca de Ferrol acolle a mostra bibliográfica “México na súa novela (1915-2015)”
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, informa da exposición México na súa novela (1915-2015), que acolle a Sala de Exposicións da Biblioteca Municipal Central de Praza de España até o 14 de xullo. O horario de visita para o público é de luns a venres, de 09.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas.
Un total de 170 obras pertencentes ao fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal Central integran esta mostra sobre a novela mexicana nos últimos vinte anos. Esta exposición rende homenaxe ao doutor Mariano Azuela, o cal viviu a Revolución Mexicana, un suceso que representa a entrada de México na modernidade política, social e cultural. Tamén inclúe publicacións de escritores como Martín Luis Guzmán, José Mancisidor, Juan Rulfo, Gregorio López y Fuentes, Carlos Fuentes ou Agustín Yáñez.
A mostra abre unha fiestra á espléndida panorámica do último século (1915-2015) da novelística do país azteca, que ten en Juan Rulfo e Carlos Fuentes os seus nomes máis universais. Estamos ante unha narrativa moi moderna, experimental e aínda atenta ao devir -deformado por sucesos tráxicos e violentos- da actualidade, polo demais sumamente complexa do país.











