A banca poxa polos terreos de Alfageme en Vigo e ofrece 11,2 millóns de euros
A poxa dos terreos da conservera Alfageme en Vigo celebrouse este xoves no xulgado mercantil da cidade olívica e contou cunha única oferta, a dos tres bancos acredores (Popular, Pastor e Abanca), que ofreceron pola parcela 11,2 millóns de euros. O valor de taxación dos terreos, únicos bens que quedan da empresa, era de 35,6 millóns de euros e a oferta dos tres bancos, que son titulares dunha hipoteca conxunta que pesa sobre as instalacións, foi de 11,273 millóns.
Ao non se chegar ao 70 por cento do valor de taxación, a administración concursal ten agora 10 días para tratar de buscar unha oferta mellor. Transcorrido ese prazo, se non hai unha proposta mellorada, o xuíz da sala Mercantil número 3 de Pontevedra (con sede en Vigo) decidirá sobre a adxudicación, aínda que todo parece indicar que os bancos acredores quedarán coa parcela.
Trátase duns terreos que ocupan máis de 14.000 metros cadrados na rúa Tomás Alonso, nos que hai unha factoría, almacéns, zonas de oficina e varias vivendas.
Na poxa, ademais dos bancos, houbo representación do Igape, que tamén é acredora da empresa, pero non presentou oferta ningunha. De feito, o organismo público foi adxudicatario das plantas de Alfageme en Vilaxoán e Ribadumia no proceso de liquidación da conservera, no que tamén se subhastaron varias das marcas de empresa (entre elas a coñecida Miau).
TRABALLADORES
Unha representación dos traballadores acudiu este xoves aos xulgados e alí recordaron que queda un centenar de ex empregados aos que se deben uns 2 millóns de euros das súas indemnizacións.
O voceiro da CIG, Xosé Fernández Piñeiro, recordou que os operarios da planta solo cobraron a parte correspondente ao Fogasa, e que teñen pendente de pagamento ao redor dun 60 por cento das súas indemnizacións.
Fernández Piñeiro tamén recordou que, no seu día, a parcela de Alfageme se recualificara co obxectivo de que as plusvalías xeradas polo desenvolvemento urbanístico do ámbito (cifradas pola CIG nuns 26 millóns de euros) servisen para pagar os traballadores.
QUEBRA
A empresa Bernardo Alfageme, que chegou a ter catro centros de traballo e un equipo de 350 persoas, entrou oficialmente en concurso de acredores en abril de 2010, tras un longo proceso callado de problemas: non pagamentos a traballadores e provedores, petición de créditos e avais, hipotecas, etc.
A crise da conservera viña de atrás, pero a situación de agravou a partir de 2006, coa entrada na sinatura da inmobiliaria promeixela, propiedade da familia Lago. De feito, os sindicatos responsabilizaron aos Lago da quebra da empresa, e de convertela nun negocio inviable malia as axudas (grande parte delas públicas).
No seu día, o xulgado mercantil considerou que o concurso de Alfageme fora culpable, e inhabilitou por 5 anos a Gustavo Lago, ademais de reclamarlle (a el e ás empresas da súa familia) a devolución duns 18 millóns de euros. Esta resolución por confirmada posteriormente pola Audiencia Provincial e polo Tribunal Supremo.











