A Autoridade Portuaria de Vigo renova o certificado Pers Ecoports
Ante a obrigatoriedade de facer pública a declaración ambiental que anualmente elabora o Porto de Vigo por considerarse de interese xeral e co obxectivo de renovar os certificados EMAS e PERS ECOPORTS, a Autoridade Portuaria de Vigo informa do seguinte:
Tras pasar a auditoría, este mes, e por segunda vez, a Autoridade Portuaria de Vigo está a renovar o certificado PERS ECOPORTS, que concede a Asociación Europea de Portos ESPO, unha vez revisada a documentación por LLOYD’S.
A Autoridade Portuaria de Vigo conseguiu este prestixioso certificado coincidindo co Congreso ‘Green Energy Ports’ celebrado hai dous anos e, por segunda vez, proponse renovalo, sumándoo aos certificados EMAS e ISO 14001, sendo dos poucos portos europeos que teñen estes tres certificados.
Para a consecución dos certificados EMAS e PERS ECOPORTS, é necesario remitir a declaración ambiental e facela pública, converténdose nun exercicio de trasparencia do Porto, no seu obxectivo de ser un “Porto Verde”.
Como resultado significativo desta declaración ambiental, hai que destacar que o Porto de Vigo alcanzou un grao de consecución dos seus indicadores ambientais do 85%. Para iso, o Porto de Vigo mide máis de 50 indicadores ambientais, que cobren todas as áreas de actividade (biodiversidade, recursos investidos no medio ambiente, verteduras, residuos, consumo de auga e electricidade, etc).
Datos máis relevantes
A Autoridade Portuaria de Vigo dispón dun equipo pluridisciplinar onde hai Licenciados en Ciencias do Mar, unha bióloga e un Licenciado en Ciencias Ambientais, ademais de dous técnicos para a vixilancia ambiental, tanto marítima como terrestre.
Para a elaboración da presente declaración ambiental, a Autoridade Portuaria de Vigo levou a cabo a análise de todos os riscos e aspectos ambientais, non só da propia Autoridade Portuaria, senón de todas as empresas que operan no Porto.
Así mesmo, a Autoridade Portuaria de Vigo fixo o seguimento dos obxectivos marcados, que no caso de 2014 foron os seguintes:
– Converterse en “Porto Verde”.
– Ser motor de innovación, coa presentación do proxecto de I+D+i.
– Incrementar a produción de enerxía eléctrica mediante renovables.
– Redución das verteduras.
Respecto ao consumo de auga, no ano 2014 o Porto de Vigo reduciu o consumo global do Porto nun 20%, a redución do 47,8 % dos consumos propios da Autoridade Portuaria e a redución dun 20% nas perdas de auga.
En canto ao consumo de electricidade, reduciuse nun 2,45%. Nestes momentos, a Autoridade Portuaria de Vigo ten varios proxectos en curso para innovar neste terreo e reducir os consumos nos próximos anos de forma moi significativa. No que respecta á produción de enerxía a través de renovables, esta aumentou nun 19%, alcanzando o 72,72 MW.
No que respecta ao consumo de combustibles fósiles, estes reducíronse nun 5%, e nun 56% o consumo de gasoil, pasando das caldeiras ao uso de gas, máis ecolóxico e menos contaminante. Ademais, o uso de vehículos eléctricos reduciu significativamente o consumo neste apartado.
En canto á calidade da auga, segue atopándose dentro dos parámetros de cumprimento legal, nos controis que realiza a Autoridade Portuaria mediante laboratorio.
Respecto da valorización de residuos, o Porto de Vigo alcanzou a súa marca histórica de reciclaxe, ao superar o 72%, cun aumento interanual do 2% nos últimos anos.
Así mesmo, a Autoridade Portuaria de Vigo volveu ha facer o cálculo da Pegada de Carbono por terceiro ano consecutivo, destacando unha redución na mesma. No 2011 era de 1,4 kg de Co2/ton. No 2012 de 1,1 e na última análise de 1,06 kg Co2/ton.
Respecto da calidade do aire, os datos atópanse dentro dos parámetros legais e pódese dicir que hai unha boa calidade do aire, ademais de facer a análise de ruído de todas as actividades, sendo a máis sonora, o tráfico rexistrado na zona de Orillamar, polo gran volume de vehículos.
Destacar, ademais, a boa colaboración con distintas ONGs, como é o caso do CEMMa na liberación de focas que chegan á nosa costa, ou no coidado de golfiños, que chegan en mal estado, onde están a facer un traballo encomiable e que desde o Porto de Vigo pretendemos apoiar. Tamén coa ONG Chelonia, que traballa en varios proxectos para evitar a captura accidental de tartarugas, quenllas e aves.
Por último, hai que destacar os diversos proxectos de innovación que están a situar ao Porto de Vigo como un dos portos máis activos nesta liña, e que ten un claro obxectivo de converter ao porto nun “Porto Verde” e sustentable. Entre eles, o Proxecto GPEC, que finalizou este mesmo ano, e a través do que o Porto de Vigo pretende a construción dun novo sistema para dar servizo á Autoestrada do Mar, facéndoa así aínda máis ecolóxica, e converténdoa na primeira autoestrada do mar verde de Europa.
Destacan tamén outros proxectos con Suardíaz e os portos de Barcelona e Tenerife para a modificación dos motores auxiliares dun buque a GNL, evitando as emisións de gases á atmosfera, ou o deseño e construción dun buque de subministración de GAS, así como o proxecto Smart ViPort, que está en curso actualmente, e que conta cun investimento de 1,6 millóns de Euros, financiado por fondos Feder de investigación, desenvolvemento e innovación.











