A alcaldesa de Ribadumia responde ao BNG sobre as acusacións do “uso partidista por parte do PP das institucións”
A alcaldesa de Ribadumia Salomé Peña responde ás acusacións realizadas onte polo BNG de Ribadumia sobre o “uso partidista por parte do PP das institucións”: “Nótase que ningún membro do BNG asistiu ó concerto benéfico, xa que de haber asistido poderían ver cómo despois da actuación desaloxouse o Auditorio e o acto de presentación da candidatura comezou unha hora máis tarde.”.
As acusacións do BNG de Ribadumia apuntan que o pasado domingo a agrupación municipal aproveitou a actuación benéfica de piano para continuar coa presentación da candidatura ao remate do concerto “sen desaloxar aínda o recinto municipal”.
A alcaldesa asegura que o concerto do pasado domingo programado para as 18:00 da tarde rematou ás 19:30 horas e o acto de presentación de candidatura non comezou ata as 20:30 horas. “Despois do concerto o Auditorio quedou totalmente baleiro, aínda se montou o escenario e ata as 20:30 non comezou a presentación”, apunta.
Salomé Peña quere destacar con isto que ningún membro do BNG de Ribadumia asistiu ó acto benéfico en favor da asociación AHUCE pola enfermidade de osos de cristal, “nin a ningún outro acto solidario no que o Concello facilita os medios”.
A alcaldesa explica que “se os membros do BNG tiveran asistido ó concerto non poderían atoparse “situación esperpéntica ningunha” porque non foi así como ocorreu e non estaban alí nin para corroborar as súas acusacións nin para colaborar nunha causa benéfica”.











