16 adegas da D.O. Rías Baixas protagonizan unha xornada promocional en Nova York

Promoción adegas Rías Baixas en Nova York
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas desenvolveu onte unha acción promocional na capital dos rañaceos. Un total de 16 adegas da denominación participaron nesta iniciativa, que se puxo en marcha a través do Plan USA. Simultaneamente, a Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa organizou unha Misión Directa a USA, no marco do Programa Accións Complementarias de Iniciación (cofinanciado polo FEDER). Esta colaboración realízase, a través do convenio que asinaron ambas as corporacións, co obxectivo de fomentar a internacionalización das pemes de Rías Baixas.
O Metropolitan Pavilion de Nova York, un dos centros máis destacados da cidade dos rañaceos para o desenvolvemento de eventos e que se localiza na prestixiosa área de Manhattan, foi o lugar escollido para esta promoción. Alí déronse cita ao redor de 200 persoas para degustar os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.
O presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; o secretario xeral, Ramón Huidobro, e a directora de mercadotecnia, Eva Mínguez, acudiron a esta cita para apoiar ás 16 adegas participantes. Así mesmo, aproveitaron a ocasión para establecer novos contactos con compradores e importadores desta cidade.
Entre as actividades ofrecidas aos asistentes nesta xornada promocional, destacou un seminario formativo para consumidores impartido por Brian Freedman. Este profesional conta cunha ampla experiencia no sector do viño e exerce como consultor e crítico de restaurantes. Ademais, é o editor da revista Drink me e colaborador de diversas publicacións especializadas relacionadas co mundo da gastronomía e as viaxes. Entre elas atópanse Virtual Gourmet e a revista Philadelphia Style.
O evento en Nova York completouse cunha degustación para consumidores VIP e profesionais do sector. Finalmente, abriuse o acto a todos aqueles interesados en coñecer máis detalles sobre os produtos amparados por esta denominación de orixe. Ademais, ofrecéronse diversas propostas culinarias para maridar cos viños Rías Baixas. A iniciativa resultou todo un éxito de convocatoria.
Esta actividade compleméntase con outras accións promocionais en oito establecementos comerciais gourmet da cidade. Neles, o consumidor estadounidense poderá atopar un amplo abanico de marcas da Denominación de Orixe Rías Baixas.
O mercado máis importante
Estados Unidos é o mercado exterior máis importante dos viños desta denominación. É por iso que desde o Consello Regulador contan cun plan específico de promoción dentro dos Estados Unidos (baixo o nome Rías Baixas Wines). O pasado ano 2014 vendéronse alí preto de 2,2 millóns de litros de viño, unha cifra moi destacada con respecto ao segundo dos países con maiores cifras de exportación, Gran Bretaña, onde levaron algo máis de 735.000 litros.
O Plan USA contempla, entre outras accións, promocións específicas en recoñecidos establecementos gourmet das principais urbes estadounidenses, como Washington DC, Nova York ou Chicago. Ademais, organízanse diversos seminarios formativos e misións inversas nas que expertos no sector teñen a oportunidade de coñecer de primeira man o territorio da denominación de orixe, as súas adegas e viñedos.











