Xuntos comparecerá como acusación popular na causa por supostos ‘enchufes’ en contratos de Vigo
A plataforma cidadá Xuntos presentarase como acusación popular no procedemento seguido polo Xulgado de Instrución número sete de Vigo contra tres funcionarios -un xefe de servizo do Concello, o actual interventor e o seu antecesor- e unha familiar do tenente de alcalde da cidade, Carmela Silva.
O pasado mes de febreiro o xulgado admitiu a trámite a denuncia presentada pola Fiscalía contra estas catro persoas en relación con supostas irregularidades na contratación de persoal dunha empresa que xestionaba os centros cívicos municipais na cidade. Todos eles están citados a declarar en calidade de imputados o próximo 10 de abril.
Estas dilixencias foron realizadas polo Ministerio Público baseándose nunha denuncia rexistrada en agosto por Xuntos, tras o que achegou proba documental e testifical e mantén que hai indicios da comisión dos delitos de prevaricación administrativa e tráfico de influencias.
Para poder comparecer como acusación popular, o colectivo cidadán procedeu a ingresar a fianza de 3.000 euros solicitada polo xulgado, aínda que incidiu na súa “contrariedade e desconformidade” porque se lle fixera este requirimento “nun proceso que non existiría de non ser por -o seu- iniciativa popular de denunciar uns feitos presuntamente delituosos”.
Sobre os feitos investigados, Xuntos apuntou que “é cando menos improbable, por non dicir imposible, que Carmela Silva non estivese informada”, ao igual que o alcalde, por ser “o máximo responsable do que acontece no concello”, onde, engadiu, “non se fai nada sen o seu consentimento”. “Por iso, é cando menos improbable que os técnicos, altos funcionarios, obraran pola súa conta sen contar co consentimento do alcalde”, rematou.
Nesta mesma liña, a plataforma tamén criticou que o pleno extraordinario sobre estas cuestións convocado a pasada semana a petición do PP, se converteu nun “paripé” e manifestou que que o Goberno local se limitase a constatar que tres funcionarios han de informar o xulgado sobre “un contrato” confirma que “Abel Caballero e Carmela Silva teñen moitas cousas que ocultar”.











