Xunta, Autoridade Portuaria e o Consorcio da Zona Franca selan o acordo para licitar as obras da primeira fase da PLISAN

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

A Xunta, a Autoridade Portuaria de Vigo e Consorcio da Zona Franca de Vigo selaron hoxe o texto que permitirá licitar as obras da primeira fase da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN). A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, e a delegada especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, no marco da comisión de seguimento do acordo para o impulso da PLISAN.

Na xuntanza de hoxe asinouse o documento que establece as obrigas de cada un dos organismos en relación coa licitación, contratación, execución e supervisión das obras da primeira fase dos sistemas xerais, así como os traballos técnicos necesarios para o seu desenvolvemento.

Cómpre lembrar que o pasado 3 de marzo as administracións anteriormente citadas asinaron o convenio para a reposición do réxime de condominio na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves.

A primeira fase da PLISAN inclúe tanto as obras do vial principal de acceso como os servizos necesarios asociados a este (alumeado público, subministración eléctrica, telecomunicacións, drenaxe de augas pluviais, saneamento e rede de abastecemento…), para o desenvolvemento urbanístico da primeira fase de solo empresarial.

Tamén se está a desenvolver de xeito coordinado cos sistemas xerais a estación de tratamento de auga potable (ETAP), coa súa correspondente captación, e a fase inicial da estación depuradora de augas residuais (EDAR), para dar servizo ás primeiras empresas que decidan implantarse neste solo empresarial.
 

8 de abril de 2015 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.