Xornadas de fotografía de iniciación en Verín
Dende o Concello de Verín promóvese a realización das cuartas xornadas de fotografía, na especialidade de iniciación, durante o fin de semana do 11 e 12 de abril.
Devanditas xornadas, cun número de prazas limitadas, serán impartidas polo fotógrafo Sergio Crespo, e nelas analizaranse cuestións referentes ao manexo dunha máquina fotográfica (distancia focal, apertura de diafragma, tempo e velocidade de exposición, sensor e sensibilidade, obxectivo, exposición, enfoque, profundidade de campo ou medición da luz, entre outros conceptos).
Durante o sábado 11, de 11 a 13 horas, na aula CeMIT do Concello de Verín (situada na Casa da Xuventude) terá lugar unha clase teórico-práctica para as persoas que se inicien no mundo da fotografía, e a partir das 16 horas, os/as participantes realizarán unha saída fotográfica para poñer en práctica o explicado durante a mañá. E xa o domingo 12, de 11 a 13 horas, tamén na aula CeMIT terá lugar unha nova clase na que se revisarán resultados, corrixirán e erros e afianzaranse conceptos.
Para participar nesta iniciativa, cun prezo de oito euros, é necesario contar cunha cámara de fotos con controis manuais, así como inscribirse en Naturhouse, (R/ Doutor Pedro González, 615-251964).











