Xornada de portas abertas no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Todas as persoas que desexen disfrutar do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha poderán facelo de xeito totalmente gratuíto nas dúas xornadas de portas abertas que nesta fin de semana ofrece a nova empresa concesionaria da xestión, limpeza, mantemento e explotación das instalacións.

Hebe Sport desenvolve esta iniciativa para celebrar a reapertura do recinto e animar ao público en xeral a coñecer as características do renovado complexo deportivo municipal e o amplo programa que se ofrecerá aos usuarios ao longo dos próximos meses.

O luns as instalacións recuperaran a actividade normal. Será a partir desa data cando comezarán a computarse os días suxeitos ao pagamento por parte dos abonados, que neste mes verán descontados nos seus recibos a parte proporcional correspondente ata o 12 de abril. A partir de maio –requírese do trámite do acordo do Pleno- as tarifas presentarán unha rebaixa con respecto aos prezos que se cobraban antes do peche das instalacións no pasado mes de novembro.

Como medida para favorecer as altas, o Concello da Laracha e Hebe Sport acordaron que as matrículas serán gratuítas ao longo dos meses de abril e de maio. Cabe lembrar que tamén hai novas modalidades de abono, como por exemplo o referido á participación en actividades ou o que permitirá usar soamente as instalacións do ximnasio. Desde o pasado luns, cando se abriu a recepción para ofrecer información e recoller os datos dos usuarios, acudiron ao complexo máis de cincocentas persoas, rexistrándose unhas trescentas altas como aboados e máis de cento cincuenta inscritos nas diferentes actividades e cursos.

Os horarios vixentes xa a partir desta fin de semana, coas xornadas de portas abertas, serán:

– Luns a venres: 7:30 a 14:30 e 16:00 a 23:00 horas.

– Sábados: 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas.

– Domingos: 10:00 a 14:00 horas.

O Concello da Laracha mostra a súa satisfacción por poder volver a ofrecer aos veciños o uso e disfrute do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, cuxo persoal nesta nova etapa estará formado por dez empregados da anterior empresa concesionaria que foron subrogados no contrato actualmente vixente con Hebe Sport.

10 de abril de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.