Volve o torneo de fútbol sala base ‘A Cidade do Futsal’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O mellor torneo de fútbol sala base de Santiago volve este fin de semana á capital galega. ‘A Cidade do Futsal’ reunirá este sábado e domingo na Cidade da Cultura ao redor de 300 participantes que enviaron as súas inscricións para o torneo nas últimas semanas. Grazas ao patrocinio Viaqua e á colaboración de Concello de Santiago de Compostela e Cidade da Cultura, esta será a II Edición do torneo, que xa superou os niveis de inscrición da edición pasada.

‘A Cidade do Futsal’ vai dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 6 e 12 anos, que participarán no evento deportivo en equipos formados por 4 e 5 xogadores. Ademais da Minifutsal Cup, haberá outras actividades como inchables, pistas de voleiboll, actividades formativas Viaqua e diversas zonas de lecer familiar, multiplicando a oferta de actividades da primeira edición.

O pistoletazo de saída á ‘Cidade do Futsal’ terá lugar a mañá do sábado. Unha xornada formativa cos xogadores do Santiago Futsal, que estarán a disposición de todos aqueles que queiran aprender os seus trucos e métodos de traballo, e que terminará coa firma de autógrafos dos xogadores do primeiro equipo.

A tarde do sábado xogaranse as fases previas das categorías alevín e prebenxamín, dos cales sairán os finalistas para a gran final que terá lugar o domingo pola tarde. O domingo pola mañá será a quenda dos equipos de categoría benxamín, da que tamén sairán os finalistas para esa mesma tarde.

O colofón final terá lugar a tarde do domingo, na que se xogarán os partidos finais que decidirán aos campións e subcampións da Minifutsal Cup, así como a entrega de trofeos que realizarán os xogadores do Santiago Futsal.

A pesar de que os días da celebración do evento son sábado e domingo, o traballo xa comeza este xoves coa montaxe das pistas de fútbol sala, que contan cunha dimensión de 1000 m², aínda que o espazo final de actividades será de máis do dobre, cun total de 3000 m² contando as zonas de lecer, inchables e demais.

Ademais, a participación tanto na Minifutsal Cup como nas diferentes actividades de ‘A Cidade do Futsal’ son totalmente gratuítas e estarán abertas para todos aqueles que queiran gozar dun divertido fin de semana nunha das zonas emblemáticas da cidade como é A Cidade da Cultura.

7 de abril de 2015 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.