Voluntarios de Alcoa A Coruña plantan en Cambre 200 árbores autóctonas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreLocal Portada
A-
A+

Voluntarios de Alcoa A Coruña e alumnos do Colexio Público Emilio González López de Breixo-Lema plantan mañá, 9 de abril, 200 árbores de especies autóctonas en terreos de titularidade municipal de Cambre. A actividade forma parte dun programa patrocinado por Fundación Alcoa para recuperar a masa arbórea autóctona da comunidade.

Na reforestación, organizada por Fundación Ardilla coa colaboración do Concello de Cambre, está previsto que participen 50 nenos e nenas de 4º de Primaria do centro educativo de Breixo-Lema que contarán coa axuda de 15 traballadores voluntarios da fábrica de Alcoa na Coruña nos labores de plantación de especies tales como carballos, castiñeiros e fresnos. Ademais, acudirán por parte do Concello de Cambre, a concelleira de educación Mª Jesús González e a concelleira de urbanismo Rocío Vila.

Esta iniciativa aúna obxectivos ambientais e educativos, ao involucrar á poboación e aos seus membros máis novos na recuperación e conservación do medio ambiente. 

A reforestación en Cambre, do mesmo xeito que as desenvolvidas en anos precedentes nas Fragas do Eume e na paraxe Gallamonde de Neno, entre outras desenvolvidas con participación de voluntarios de Alcoa e financiamento de Fundación Alcoa, forma parte dunha selección de proxectos patrocinados por Fundación Alcoa en distintas partes do mundo e en diversos ecosistemas para plantar máis de 175.000 árbores, como parte do compromiso da Fundación Alcoa para plantar 10 millóns de árbores até 2020. Estímase que estas árbores teñen capacidade para absorber 250.000 toneladas de dióxido de carbono ao ano ao longo da súa vida. Os proxectos de reforestación como o coruñés cumpren tamén cunha variedade de obxectivos críticos, como a restauración do hábitat de vida silvestre, o incremento do almacenamento de carbono a través dos bosques para combater o cambio climático e o uso das árbores para a purificación de auga e aire.

Estes obxectivos son compartidos pola organización que xestiona o proxecto en España, Ardilla Connecting Life, que se propuxo conectar os bosques de España e Europa a través dunha rede de corredores verdes, loitando contra a deforestación, a desertización e a perda de biodiversidade que provoca o cambio climático.

Fundación Alcoa é unha organización que se sustenta dos seus propios activos financeiros e non dos beneficios de Alcoa. Contribúe a mellorar e fortalecer as oportunidades en educación, asistencia médica, desenvolvemento cultural, medio ambiente e calidade de vida dos habitantes das comunidades onde Alcoa está presente.

8 de abril de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.