Voadora achega este sábado a Redondela a súa comedia musical Waltz
A programación deseñada pola Concellaría de Cultura para este trimestre inclúe unha comedia musical da compañía santiaguesa Voadora. WALTZ é a súa produción máis laureada até o momento, coa que levan máis de 40 representacións por toda a península, e que están a levar agora por diferentes escenarios do país nunha xira final.
WALTZ é un conto que fala de amor e desamor, de namoramentos e rupturas, da vida compartida e da lembranza de amores perdidos. Nesta obra a vida é un salón de baile onde imos cambiando de parella; hainas que che pisan os pés, outras agárrante forte pola cintura, a algunhas súanlle as mans e con outras bailarías por toda a eternidade….
O máis universal dos temas, o AMOR, sempre está moi presente nas producións da compañía VOADORA. Pero nesta ocasión VOADORA decide lanzarse de cabeza e traballar integramente sobre el adicándolle un espectáculo no que disecciona os sentimentos, as emocións e as sensacións extremas que leva consigo este tema universal.
WALTZ articúlase en 3 movementos case independentes, como se dunha sinfonía se tratara. As ferramentas esenciais, como soe ser habitual nos espectáculos da compañía, son a ironía, o humor,a beleza, a poesía, a danza, o absurdo e a música.
O espazo sonoro está composto por máis de 20 temas orixinais que abranguen diferentes estilos, dende a música dance ao pop, o calipso, a opereta e o vals.
Os temas musicais, interpretados en directo polos actores, serven de fío condutor da acción, na que ás veces son un personaxe máis e outras actúan como banda sonora.
VOADORA, integrada por Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz, nace como compañía de teatro en 2007. Os seus traballos de investigación en creación contemporánea caracterízanse por un importantecompoñente musical, estético, sorprendente e evocador, que ten recollido numerosos premios e recoñecementos, entre os que cómpre salientar o Premio da Crítica de Galicia 2013 por unanimidade, 3 Premios no INDIFEST14 en Santander, incluíndo Mellor Espectáculo e Premio Especial do Público, ou a súa participación no Temporada Alta de Girona ou na Muestra Nacional de Teatro y Danza Contemporáneos en Madrid.
As entradas pódense adquirir dende hoxe, a un prezo de 5 €, no multiúsos da Xunqueira.











