publicidade hoxe

VII edición de Arde o Pazo en Mos e a III Mostra de Artesanía en Gondomar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGondomarMos
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, busca poñer en valor o produto artesán galego apoiando as demostracións de oficios artesáns que se desenvolven esta fin de semana na VII edición de Arde o Pazo, en Mos, e na III Mostra de Artesanía en Gondomar.

Neste sentido, mañá sábado, con motivo da celebración de Arde o Pazo, na localidade pontevedresa de Mos, levarase a cabo un taller infantil sobre a historia na que se basea este evento: a recreación do paso dos exércitos napoleónicos por Mos no ano 1809. Por medio dun pequeno teatro tridimensional, os nenos e nenas poderán xogar co espazo representando tal invasión non só por medio do incendio que arrasou o pazo, se non tamén coas personaxes que tomaron parte na batalla por ambos os dous bandos, franceses e galegos daquela época. Deste xeito os participantes no taller poderán personalizar e recrear con máis ou menos complexidade a historia, partindo de diversos materiais como caixas, teas, plásticos, pinturas, etc.

Pola súa banda, a III Mostra de Artesanía en Gondomar, na provincia de Pontevedra, acolle diversas actividades durante o sábado e o domingo: exposición e venda de pezas de artesanía, concurso de torno galego e demostración de forno rakú, entre outras. No transcurso da mostra, a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, participará nunha charla baixo o título Vantaxes da inclusión no Rexistro Xeral de Artesanía, e na mesa redonda Límites da artesanía, xunto cos artesáns Susana González Amado, Nano Unzueta e Antón Román.

10 de abril de 2015 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.