Vendidas dúas mil entradas para ver a The National en Santiago o próximo día 30
O festival ‘Lapso’, que reunirá na praza da Quintana de Santiago a The National, The Gift e Best Boy o próximo día 30, vendeu xa unhas 2.000 entradas, segundo destaca a organización. Nas primeiras 24 horas dende a presentación do evento foron máis de 700 pases os adquiridos e dende entón a cifra continuou crecendo. Así, despois da promoción inicial de 25 euros máis gastos para as primeiras 500 entradas, nas últimas horas esgotáronse os ‘tickets’ de 28 euros, a franxa de prezo seguinte.
Agora están á venda por 30 euros máis gastos no Teatro Principal de Santiago -de martes a sábado de 18,00 a 21,00 horas-, en A Reixa Tenda, en ‘ticketea.com’, ‘entradas.abanca.com’ e ‘ataquilla.com’.
VOCACIÓN DE CONTINUIDADE
O ‘Lapso 2015’, proxecto de colaboración entre o Concello de Santiago e as promotoras culturais I-Radia Crea (Santiago deCompostela) e Legal Music (Madrid/Barcelona), forma parte do ciclo ‘Compostela Rock’.
Nace na capital galega con aspiracións de continuidade, para así promover un encontro anual para a mellor música internacional do momento a prezos máis accesibles que os habituais de grandes festivais.











