Uns 600 mosenses reciben aos Bolechas na Carballeira de Santiaguiño

Visita dos Bolechas
Os Bolechas presentaron onte pola tarde na Carballeira de Santiaguiño, parroquia de Guizán, o seu libro Os Bolechas van a Mos. O mestre de cerimonias foi o autor, Pepe Carreiro, quen repartiu 200 exemplares do conto ente os nenos e nenas asistentes ó acto. En total estiveron presentes na actividade celebrada no Santiaguiño unhas 600 persoas. Esta iniciativa surxiu como parte da programación organizada con motivo do Día Internacional do Libro que ten lugar esta semana.
Os Bolechas naceron da man do ilustrador Pepe Carreiro e convertíronse nun fenómeno de masas. Son seis irmáns máis un can que viviron toda clase de aventuras por Galicia e que nesta ocasión viñeron visitar Mos con motivo da celebración do Día do Libro que se conmemora o 23 de abril.
A actividade dos Bolechas non é a única da programación do Día do Libro 2015, xa que durante a presente semana todos os/as socios/as da Biblioteca Municipal de Mos poderán participar nun intercambio de libros.
Ademais o propio día 23 tódolos/as socios/as que collan libros en préstamo participarán no sorteo dun lote de libros.
As aventuras dos irmáns Bolechas chegaron onte á Carballeira de Santiaguiño, onde todos os rapaces puideron coñecer o novo libro dos seus pequenos heroes. Os Bolechas Carlos, as xemelgas Pili e Loli, Braulio, Sonia e Tatá, acompañados todos do seu inseparable husky siberiano Chispa, presentaron nesta ocasión o seu libro Os Bolechas van a Mos, unha fermosa e divertida aventura que acontece no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos.
Máis datos sobre Os Bolechas
As aventuras dos Bolechas están protagonizadas por seis irmáns e o seu can:
– Carlos Bolechas: é o irmán maior (uns 7 anos), é o “responsable” e o que, por idade, ten que facer fronte ás situacións máis comprometidas, non sen medo; é o que máis relación ten con Chispa, o can da serie; é comellón, algo bruto, equilibrado e os seus xoguetes favoritos son os bonecos tipo “Supermúsculos”.
– Loli Bolechas: xunto con Pili, a súa irmá xemelga, é a segunda en idade (uns 6 anos); é activa, positiva, un punto frívola e xoga tanto con coches teledirixidos coma con pulsos.
– Pili Bolechas: é semellante á súa irmá xemelga, aínda que un pouco máis seria. Gústanlle os oficios tradicionalmente de homes: mecánica de automoción, carpintaría, etc.
– Braulio Bolechas: é o terceiro en idade (5 anos); tímido, non quere que o vexan nu nin na súa intimidade; é o máis cerebral dos irmáns e algo despistado; gústanlle os instrumentos de música e os ordenadores, ademais doutros xoguetes de tipo “científico”.
– Sonia Bolechas: é a cuarta en idade (3 anos); é caprichosa e algo contista e acusona; un pouco “maruja”; gústalle andar con cousas de mulleres adultas: bolsos, zapatos de tacón, barra de labios; os seus xoguetes favoritos son os relacionados cos salóns de peiteado e estética; encántanlle as princesas.
– Tatá Bolechas: é o máis pequeno da familia (9 meses); aínda non fala nin anda; é un bebé “serio”, pouco dado ás andrómenas propias da súa idade; curioso; a súa compañía inseparable é o chupete; lévase ben con Chispa, quizais porque ningún dos dous fala.
– Chispa: é un can de raza husky siberiano; anda sempre entre os donos; a súa presenza, aínda que discreta, faise notar; é un can de peso, pouco dado a ladrar sen motivo.











