publicidade hoxe

Unhas 20 hectáreas do parque do Xurés foron queimadas na primeira semana de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaEntrimoLobiosLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

A primeira semana do mes de abril bota un saldo dunhas 20 hectáreas de monte arboredo e raso queimadas en senllos incendios rexistrados nos municipios ourensanos de Lobios e Entrimo, integrados no territorio do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que forma parte dunha reserva da biosfesa transfronteiriza xunto co parque portugués Peneda-Gêres.

Segundo os datos da Xunta, o día 1 de abril rexistrouse un incendio nunha aba escarpada de Río Caldo (Lobios) que en 11 horas queimou 15 hectáreas de monte arboredo autóctono formado por exemplares de carballos e sobreiras, segundo detallaron veciños da parroquia.

Na súa extinción traballaron 6 axentes forestais, 14 brigadas, 5 camións autobomba, 7 helicópteros –un procedente de Asturias– e 4 avionetas de carga en terra. Este lume reactivouse o día 2 de abril e durante outros tres días, segundo datos da Xunta, afectou a outra hectárea de arboredo autóctono, ata a súa extinción.

Os traballos de control e extinción do lume reactivado precisaron, nos tres días, a 10 axentes, 20 brigadas, 5 motobombas e 9 helicópteros de extinción.

Na tarde do día 6, preto das 21,00 horas, segundo fontes oficiais, un lume comezou na cuneta situada en fronte do cemiterio de A Illa (Entrimo), no parque natural e no bordo da súa zona de reserva total. A extinción produciuse despois da media noite tras o traballo de 2 axentes forestais, 6 brigadas e 2 camións autobomba.

“INTENCIONADOS” E “INXUSTIFICABLES”

A alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, explicou  que o incendio rexistrado en Río Caldo, como calquera outro no ámbito do parque, “está claro que foi intencionado” pero dixo descoñecer os posibles motivos “porque normalmente se achaca ao pastoreo, pero en Lobios xa non queda gañado e a zona afectada non tiña nada que ver con posibles pastos”.

A aba que ardeu era “de grande riqueza ecolóxica polo que é inxustificable e incomprensible que lle poñan lume pois tampouco hai conflitos entre os cazadores nese lugar”. A unha pregunta sobre a superficie afectada, un total de 16 hectáreas, a rexedora manifestou que dá “a mesma importancia a unha que a dez hectáreas” pois se fala “dun parque natural que ademais é o potencial turístico de toda esta bisbarra”.

Tras recordar un “grande incendio” anterior, orixinado en Portugal e que chegou aos montes de Lobios, no ano 2011, relatou que no pobo “viven tranquilos” cando chegan varias brigadas do exército, que cada ano se asentan na localidade durante a época de maior risco de incendios para realizar “labores de disuasión e vixilancia”. “Parece que son eficaces porque cando eles están a actividade incendiaria descende”, subliña.

SEN PERIGO PARA VIVENDAS EN ENTRIMO

Pola súa banda, o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso, sinalou que, tras o incendio da noite do luns, hai brigadas que refrescan a zona durante a mañá do martes e que, a pesar de se iniciar preto do cemiterio, nin as vivendas nin habitantes do pobo de A Illa correron perigo.

Na actualidade, equipos especializados do servizo público de extinción e da Garda Civil investigan a orixe e posibles causas de ambos os dous incendios.

7 de abril de 2015 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.