Unha vintena de grupos súmanse ao programa de Turismo Escolar da Deputación da Coruña
Preto dunha vintena de grupos estudantís de centros educativos da provincia sumáronse xa ao programa de Turismo Escolar que organiza a Deputación da Coruña e que consiste en visitas a edificios e monumentos singulares do seu patrimonio. Estreou este programa de rutas temáticas a pasada semana un grupo de alumnos e alumnas do IES Otero Pedrayo, que participaron no percorrido denominado “Da Prehistoria ao Medievo” e coñeceron grazas a el o Castelo de Vimianzo e o dolmen de Dombate.
En próximas datas está prevista a participación de diferentes grupos procedentes dos CEIP Concepción Arenal (A Coruña), Castelao (Ordes), Ponte do Porto (Camariñas), Vales Villamarín (Betanzos), Virxe da Cela (Monfero), do Pindo (Carnota), Igrexa (Cee), Agro do Muíño (Ames), Víctor Seoane (A Coruña) ou o Ponte de Xuvia (Narón).
Teñen ademais pendentes de confirmar data e actividade outros centros da provincia, polo que desde a Deputación avisan da necesidade de realizar as reservas o antes posible xa que a proximidade dos meses de maio e xuño, datas preferidas polos colexios para organizar as súas saídas, fan que cada vez sexa máis complicado compaxinar horarios e actividades segundo cal sexa a petición de cada centro.
A oferta
Aínda que as instalacións e edificacións singulares que forman parte do patrimonio da institución provincial están xa abertas ao público e tamén aos colexios, a Deputación puxo en marcha o mes pasado un novo programa de rutas temáticas. Son as seguintes: a denominada “Da Prehistoria ao Medievo”, que inclúe paradas no dolmen de Dombate e o Castelo de Vimianzo; “Coas mans no barro” con actividades prácticas no Ecomuseo Forno do Forte; e “O Bosque Animado”, un percorrido polo Pazo de Mariñán e os seus xardíns e máis pola Casa Wenceslao Fernández Flórez.
Esta iniciativa forma parte da “responsabilidade” que debe asumir a Deputación de “coidar, manter e tamén ensinar e promover un patrimonio rico e diverso como poucos”, en palabras do presidente Diego Calvo, que explicou no seu momento que todas as visitas contan con monitores especializados para explicar a historia e as singularidades de cada instalación que se visite.
Todos os centros interesados en reservar algunha data para participar nas visitas poden facelo a través do correo electrónico turismo.escolar@dicoruna.es ou chamar ao 981 080 608.











