Unha trintena de asociacións e colexios profesionais divulgarán o labor que desenvolven no XII Paseo pola Saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense e unha trintena de entidades, asociacións do ámbito da saúde e colexios profesionais divulgarán o labor que desenvolven na cidade no XII Paseo pola Saúde, que se desenvolverá mañá, mércores, 8, e pasado mañá, xoves, 9 de abril, na Alameda. De 11 a 14 e de 17 a 20,30 horas, as persoas que visiten a feira coñecerán os servizos que prestan estas entidades, as campañas de información e sensibilización que están a desenvolver na actualidade e poderán realizar rexistros sanitarios gratuítos, de tensión arterial, glicosa, tensión ocular ou latexo fetal.

A Concellería de Saúde, que organiza esta feira, divulgará os seus programas e servizos, facendo especial fincapé na divulgación do lema mundial elixido pola Organización Mundial da Saúde para o Día Mundial do presente ano 2015: “A inocuidade dos alimentos”. A Concellería difundirá boas prácticas agroalimentarias e como aplicar boas pautas de alimentación na vida diaria.

O Paseo pola Saúde márcase como obxectivo promocionar o asociacionismo na área da saúde, poñer en valor o traballo que realizan as asociacións na cidade, fomentar o intercambio de experiencia entre estas, así como contribuír á información e formación da cidadanía sobre estes aspectos.

Con esta feira, continuarán as actividades organizadas polo Concello con motivo do Día Mundfial da Saúde 2015, que comezarán na tarde de hoxe, martes, coa lectura do Lema Mundial do Día da Saúde, nun acto que terá lugar na Sala Valente (antigo edificio do Banco de España).

As actividades continuarán cun ciclo de Obradoiros: “5 Claves na hixiene e a seguridade alimentaria”, que se desenvolverán no Centros Cívico A Cuña o día 14 de abril de 18h a 19h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde, o día 15, de 18.30 a 19.30, o Centro Cívico A Ponte, o día 22, de 17h a 18h, o Centro Cívico Colón, o 23, de 18h a 19h e no Centro Cívico Seixalbo, o 24 de abril de 18h a 19h.

O curso de Manipulador/a de alimentos será o 16 de abril de 9.30h a 14.30h, no Centro Municipal de Promoción da Saúde. Neste caso é necesaria a inscrición previa. As actividades rematarán o 17 de abril coa “Andaina para todos/as”: Ruta do castro de Santomé, de 10h a 13h, con saída e chegada á Alameda.

7 de abril de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.