Unha ducia de locais de hostalería de Esteiro acollen un “concurso de selfies”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, informou esta mañá das actividades de promoción e dinamización do comercio e a hostalería que terán lugar esta fin de semana na cidade, e que nesta ocasión concentraránnse en Esteiro. Un “Concurso de Selfies” amenizará dende mañá venres e até o domingo 3 de maio diferentes locais de hostalería situados neste barrio ferrolán. Na presentación desta actividade, o titular de Economía estivo acompañado dos representantes da Asociación de Comerciantes de Ferrol – Centro Comercio Aberto A Magdalena (ACOF-Centro Comercial Aberto) e da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros do barrio de Esteiro (ACHOBE), Cristóbal García Nores e Pablo Fuentes, respectivamente.

Langtry Caínzos animou á cidadanía á participación nesta proposta incluída dentro das actividades de dinamización e promoción do comercio e a hostalería de Ferrol, impulsadas polo Concello de Ferrol e comerciantes e hostaleiros da cidade. Un total de 12 establecementos de hostalería participarán durante este fin de semana no “Concurso de Selfies”, que consistirá en realizar unha “aufoto” ou selfie nalgún destes locais e envialo á páxina: www.facebook.com/ahcobe.esteiroferrol. Segundo explicou o presidente da Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do barrio de Esteiro, Pablo Fuentes, poderase remitir unha fotografía por local e os participantes optarán a varios premios, entre os que figuran bonos de ceas para dous ou almorzos para catro persoas nos establecementos participantes.

Cambio de data da Fashion Night Primavera

Pola súa banda, o presidente de ACOF-Centro Comercial Aberto A Magdalena, García Nores, informou da decisión de trasladar ao vindeiro venres, día 8 de maio, a celebración dunha nova edición da Fashion Night Primavera, que inicialmente estaba fixada para pasadomañá sábado. “Este cambio obedece a motivos da climatoloxía; e decidimos trasladar este evento ao venres día 8 de maio porque se prevén melloras no tempo; así que coa coa mellor intención trasladamos a data da Fashion Night para que volva ser un éxito como en edicións anteriores”, dixo.

30 de abril de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.