Unha delegación de axentes de viaxes nipóns visita Galicia para familiarizarse coa oferta turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

Unha representación da Asociación de Axencias de Viaxe de Xapón atópase estes días en Galicia, familiarizándose cos seus recursos turísticos e o seu gran potencial para o mercado nipón. Tras a súa chegada a Santiago, onde mantiveron un encontro coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, desde cuxo departamento se impulsou a visita, a delegación desprazouse por petición propia ata as Rías Baixas. Alí foron recibidos polo presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González, que mantivo con eles unha reunión para coñecer mellor as necesidades e preferencias deste mercado.

“É de gran interese para Galicia continuar traballando na súa internacionalización como destino turístico global. Témolo todo para continuar medrando como receptores deste tipo de turismo, non hai que esquecer que en 2014 o 25% de total de turistas que chegaron a Galicia foron estranxeiros”, lembrou o presidente do CTG.

E entre os elementos que máis atraen a visitantes estranxeiros destaca o Camiño de Santiago, pero tamén a gastronomía ou o enoturismo, factores de gran interese tamén para o mercado nipón, tal e como destacaban Takehiro Oikawa, Yoshitaka Hoshima e Nobuyuki Ikeda. Durante esta primeira xornada de familiarización, a delegación nipoa tamén tivo oportunidade de coñecer de primeira man a gran calidade da oferta hoteleira e de restauración galega.

Os representantes nipóns completarán mañá a súa estancia cunha visita guiada ás Illas Cíes, xoia do noso patrimonio natural.

21 de abril de 2015 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.