Un veciño de Lugo foi detido por tres delitos de roubo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSucesos
A-
A+
Europa Press
Efectos subtraídos

Efectos subtraídos

Axentes da Guardia Civil detiveron este xoves un veciño de Lugo como presunto autor de tres roubos, tras ser arrestado o pasado mes de marzo por un delito de receptación e intervirlle no seu domicilio numerosas ferramentas subtraídas.  Segundo informou o Instituto Armado, ás 10,00 horas deste xoves foi arrestado un veciño de Lugo de 42 anos como presunto autor de tres delitos de roubo con forza nas cousas.

As mesmas fontes explicaron que no marco deste operativo policial foi detido o pasado 12 de marzo esta mesma persoa como presunta autora dun delito de receptación. No posterior rexistro no seu domicilio, os axentes acharon numerosas ferramentas que, ante as sospeitas de que foron produto de ilícitos penais, foron intervidas para ser postas a disposición xudicial.

As investigacións realizadas determinaron que numerosos efectos que se incautaron no rexistro procedían de delitos de roubos con forza, sendo entregadas aos seus lexítimos propietarios unha parte dos efectos recuperados.

Entre os delitos esclarecidos, a Benemérita destaca a recuperación de obxectos procedentes dun roubo cometido nunha tenda de calzado e roupa deportiva situada na localidade de Lugo, onde o valor do material subtraído ascende a uns 50.000 euros, así como outros roubos cometidos en vivendas da bisbarra de Lugo nas que subtraeron numerosas ferramentas e maquinaria.

SETE DELITOS ESCLARECIDOS

A investigación policial ata o momento deu como resultado o esclarecemento dun total de sete delitos contra o patrimonio, así como a detención do autor dos feitos. A Guardia Civil indicou que continúan as xestións para tratar de localizar os lexítimos propietarios dos efectos depositados na Comandancia de Lugo. Por iso, solicita que aquelas persoas que crean recoñecer como seu algún dos obxectos, contacte ou compareza nas dependencias.

O individuo detido, xunto coas dilixencias instruídas, foi posto a disposición da titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Lugo.

17 de abril de 2015 | 11:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.