publicidade hoxe

Un total de 38 expositores participarán na XX Feira da Plantación de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Todo está case a punto para a XX Feira da Plantación de San Sadurniño que se celebra este domingo ao pé do colexio público. Hai días que a carpa está montada, onte publicouse o listado de participantes -38 en total- e só falta que o a xornada veña enxoita para superar as 5.000 visitas que houbo o ano pasado. Nesta edición hai algunhas novidades. A máis destacada é a reconfiguración do espazo para garantirlles a todos os postos a mesma oportunidade de vender. Outra modificación con respecto a anos anteriores é que na carpa só haberá expositores de flor e planta. E, por último -fóra dos aspectos organizativos- a XX Feira da Plantación contará cunha unidade móbil da Radio Galega, que emitirá desde San Sadurniño o programa “Come e fala”, entre as 13 e as 14h. A cita está organizada polos departamentos de Medio Ambiente, Cultura, Participación veciñal e Turismo, coa colaboración de Viveiros Vivergal e a Deputación da Coruña. 

Na feira atoparemos reunidos de novo a viveiros de planta e árbores, florerías, produtores e produtoras de horta, firmas de maquinaria, ademais de postos de alimentación e de artesanía relacionada dalgún xeito co mundo vexetal. Un dos obxectivos do encontro é servir de escaparate para as empresas e persoas vinculadas ao agro e unha maneira de poñer en valor as posibilidades de futuro do medio rural como sinónimo de calidade de vida e de oportunidades económicas a través da sustentabilidade. 

O evento iniciarase sobre as 10 da mañá e estará aberto ata a tardiña. Nel haberá á venda produtos de todo tipo relacionados co cultivo da terra, aínda que grande parte do protagonismo levarano as flores e plantas. Neste sentido o Concello instalou unha carpa de 2.000 metros cadrados que albergará 8 empresas procedentes de toda a comarca centradas nunha actividade con múltiples variantes. Así, da feira poderemos levar flor cortada ou en maceta, plantas decorativas ou aromáticas, froiteiras, pequenas árbores e todo tipo de sementes para morteiros. 

A carpa principal estará situada en paralelo á avenida Marqués de Figueroa, ocupando grande parte do campo aledaño ao cemiterio. A rúa lateral ao centro de ensino resérvase para o resto de postos: artesanía, alimentación, produtos da horta, etc. Esta nova configuración da feira pretende ordenar mellor o espazo dispoñible así como o fluxo de visitantes que, ademais, levarán unha planta de recordo completamente de balde. Durante o día celebraranse dous sorteos con varios lotes de produtos doados polos expositores, o primeiro ás 14h. e o segundo ás 19h. Os tiques para os sorteos conseguiranse con cada compra que se faga durante o evento.

Como actividade paralela os nenos e nenas de cinco anos en diante gozarán do obradoiro “Planta e decora”, no que se xuntan as manualidades co cultivo dunha planta que despois poderán levar para a casa. Este obradoiro desenvolverase entre as 16.30 e as 18.30h. As inscricións deberán facerse o propio día da feira a partir das 15 h. no expositor do Concello. 

Este ano a feira terá, se cadra, unha maior difusión, xa que a Radio Galega emitirá desde o recinto o programa “Come e Fala”, dirixido e conducido por Xosé Manuel García. O espazo dura das 13 ás 14h., aínda que o equipo estará durante a maior parte da mañá gravando entrevistas e pequenas pezas para botalas a esa hora.

Falando de comer, a feira ofrece a posibilidade de xantar no propio recinto. Porén, San Sadurniño ten varios restaurantes -algúns deles moi próximos- onde poder sentar á mesa por bo prezo. Desde o departamento de Turismo aconséllase reservar previamente, posto que nos días en que hai feiras ou mercados os restaurantes do territorio adoitan ter unha alta ocupación.

23 de abril de 2015 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.