Un total de 18 bolseiros comezan a traballar o luns nas confrarías da provincia de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
A Deputación aprobou esta mañá, na súa Xunta de Goberno, a ratificación do convenio de colaboración coa Federación Provincial de Confrarías de Pescadores.De acordo coa reunión do pasado 13 de abril, no Pazo provincial, entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán, a conselleira de Pesca da Xunta de Galicia, Rosa Quintana, os representantes das 22 confrarías da provincia e a propia Federación Provincial de Confrarías, a Deputación destinará máis de 700.000 euros para apoiar un sector estratéxico na comunidade, tanto pola súa achega económica como polo número de traballadores que emprega.

18 bolseiros incorpóranse o luns ó traballo nas confrarías

No convenio inclúese a cesión de 18 bolseiros, que durante un ano desenvolverán diferentes tarefas profesionais nos pósitos da Guarda, Aldán, Cangas, Moaña, Bueu, Arcade, Redondela, Vigo, Baiona, Cambados, Carril, A Illa de Arousa, Portonovo, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, O Grove, Lourizán e Marín.

Estes mozos “comezarán o luns, 4 de maio, a súa primeira experiencia laboral en varias confrarías da provincia”, tal e como destacou o presidente Rafael Louzán, realizando diversas tarefas acordes coa súa formación profesional.

Segundo recolle o convenio aprobado, a contratación destes bolseiros é financiada pola Deputación de Pontevedra, cunha partida económica de 200.000 euros.

Son 18 titulados universitarios e de formación profesional, que solicitaron participar no Plan de Práctica Laboral pero non obtiveron unha bolsa na convocatoria aprobada o pasado mes de marzo; agora súmanse ós 200 mozos do Plan de Práctica Laboral que poden ampliar a súa formación e ter a primeira oportunidade profesional a través da institución provincial.

Liña de axudas para gastos

500.000 euros da contía total do convenio destinaranse ó financiamento dos gastos derivados da actividade que realiza cada unha das confrarías: comercialización, investimentos propios dos pósitos, recuperación de bancos marisqueiros e reparacións de locais.

A vindeira semana, á espera de que a Federación de Confrarías de Pontevedra remita os datos relativos ós criterios de reparto, o organismo provincial aprobará as contías destinadas a cada pósito.

A Deputación adiantará o 50 % do investimento de cada confraría e achegará o 50 % restante, unha vez que se xustifiquen os traballos. Estes pagos realizaranse a principios do verán e a finais de setembro, respectivamente.

O convenio enmárcase na liña de colaboración que desde hai anos o organismo mantén coa Federación de Confrarías de Pontevedra, para sustentar os gastos derivados do desenvolvemento de programas de fomento do sector. En 2014 a Deputación achegou 711.000 euros e cedeu 15 bolseiros a través deste convenio de colaboración.

30 de abril de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.