Un total de 16 Masters of Wine encomian as calidades dos viños da D.O. Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Visita dos master of wine

Visita dos Master of Wine

Un total de 16 Masters of Wine de oito nacionalidades distintas están a realizar hoxe unha visita á Denominación de Orixe Rías Baixas. O grupo, encabezado pola presidenta do Institute of Masters of Wine, Sarah Jane Evans, foi recibido polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araujo; e polo secretario xeral do CRDO, Ramón Huidobro.

Esta é a primeira visita oficial do Institute of Masters of Wine a Rías Baixas, que xa contara coa presenza individual de varios Masters of Wine noutras ocasións, aínda que nunca nun número tan elevado como o de hoxe. Tras asistir a unha breve presentación sobre a historia, subzonas amparadas e as principais características dos viños Rías Baixas, os dezaseis Master of Wine participaron nunha cata de 61 marcas de 33 adegas exportadoras, impartida por un técnico do Consello Regulador.          

As valoracións que os Master of Wine realizaron dos viños catados foron moi boas. Así o ratificaron tanto Sarah Jane Evans como o único Master of Wine español, Pedro Ballesteros. Ambos coincidiron en encomiar as excelentes características dos viños de Rías Baixas, á vez que lles auguraron un gran futuro. “Son uns viños fantásticos e moi interesantes”, asegurou Sarah Jane Evans, quen destacou ademais que a súa “calidade vai aumentando” co paso do tempo e que “o que máis impresiona é a súa pureza. Os viños Rías Baixas teñen un gran futuro no Reino Unido. Xa en Londres teñen moita fama”.

Pola súa banda, Pedro Ballesteros afirmou que as subzonas de Rías Baixas conforman “unha terra que ten grandes viños e grandes xentes”, polo que ve necesario que se vendan co seu nome e o seu prezo”. Ballesteros apuntou que a calidade dos Rías Baixas “é boa. Hai algúns viños que son de libro de texto e que serven para definir o que é un Albariño Rías Baixas”.

No que á experimentación cos viños se refire, o Master of Wine español destacou a “efervescencia” deste tipo de iniciativas en Galicia, comparándoa coa afamada área californiana de Sillicon Valley. Neste sentido, animou a “investigar máis. Temos que crer máis en nós e coñecer máis o noso terroir. Non caiamos no erro de vender viño barato como outras rexións, xa que despois é difícil recuperarse. Temos que vender viño a un prezo adecuado”. Neste sentido, Ballesteros asegurou que o CRDO Rías Baixas “está no bo camiño”, primando a calidade fronte ao prezo. Finalmente, augurou un gran futuro para as variedades tintas: “Adoro os tintos da DO Rías Baixas e estou seguro de que veremos grandes tintos”.

O grupo estivo encabezado pola presidenta do Instituto Masters of Wine, a británica Sarah Jane Evans, á que acompañaron os tamén británicos Andrea Hargrave, Ed Adams, Fiona Morrison, Rod Smith, Dee Blackstock, Anne Tupker, Angel Muir e Jonathan Pedley; o estadounidense Pat Farrel; a australiana Alison Eiserman; o irlandés Fergal Tynan; o escocés Norrel Robertson; a sueca Louise Sydbeck; o noruegués Arne Ronold; e o español Pedro Ballesteros. Esta tarde visitarán tres adegas amparadas por esta Denominación de Orixe.

13 de abril de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.