publicidade hoxe

Un total de 15 obras participan no II Certame galego de Artes pola Igualdade de Xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A empresa Bolboreta S.C. pechou este mércores o prazo de admisión de obras para participar no II Certame galego de Artes pola Igualdade de Xénero. A arte á que se lle dedica o certame en 2015 é a poesía e a el presentáronse 15 poemas procedentes dos concellos de Oleiros, Vimianzo, A Coruña, San Sadurniño, Xove, As Somozas, As Pontes, Betanzos e mesmo Valladolid. Por outra banda, o certame tamén homenaxea unha figura relevante tanto da cultura como do activismo pola igualdade que nesta edición será a cantante e escritora Uxía. O xurado fallará o resultado o próximo luns e os premios entregaranse o sábado 18 na Casa do Concello.

O certame ten tres categorías: a infantil para participantes de 7 a 11 anos, a xuvenil para escritores e escritoras de entre 12 e 18 e, por último a categoría adulta para persoas maiores de idade. En cada unha delas entregaranse dous premios, compostos por un diploma acreditativo, libros e unha cantidade en metálico, 100 euros para os primeiros premios de cada categoría e 50 para os segundos.

O único requisito das obras era que versasen -nunca mellor dito- sobre a igualdade entre mulleres e homes, que estivesen escritas en galego normativo, que fosen orixinais e que tivesen unha extensión máxima de dous folios por unha cara. Ao peche do periodo de recepción de obras Bolboreta recibira 15 de lugares tan distantes da nosa comarca e entre si como Vimianzo ou Valladolid.

O sábado 18 a partir das 12 da mañá desenvolverase o acto de entrega de premios no que participarán representantes dos tres concellos que colaboran nesta proposta -San Sadurniño, As Pontes e A Capela- e tamén o escritor e coordenador de novos proxectos da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Canda el veremos outros nomes das letras, como a madriña do certame, Helena Villar Janeiro, o escritor e poeta Manuel López e a propia homenaxeada no certame, a tamén escritora e cantante Uxía. 

Ela será a encargada de pechar o acto trala presentación do seu libro “Rosalía Pequeniña” (Galaxia), e farao cunha pequena actuación musical na compaña de Magín Blanco, con quen tamén participa no proxecto María Fumaça.

9 de abril de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.