publicidade hoxe

Un total de 14 equipos participan no VI Tetramaratón de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSan Sadurniño
A-
A+

O pavillón municipal e as pistas do CPI acollerán este xoves a sexta edición do tetramaratón de San Sadurniño. Unha cita deportiva na que se inscribiron 14 equipos xuntando un total de 84 deportistas, dez máis que na edición do ano pasado. Haberá unha formación feminina e dúas mixtas. Neste sentido o regulamento introduce como novidade que os tantos conseguidos polas mulleres valerán dobre, co obxectivo de potenciar a presenza feminina na competición.

Os encontros comezarán ás 9.30h. e desenvolveranse durante toda a mañá. Se todo vai sobre o previsto as finais xogaranse despois do mediodía, aínda que se a cousa é tan disputada como en 2014 mesmo é posible que a competición se adentre nas primeiras horas da tarde. 

Hai catro disciplinas distintas e adaptadas a este tipo de competición tanto en duración como en número de compoñentes dos equipos, que poderán ser mixtos e deberán ter un mínimo de cinco xogadores/xogadoras e un máximo de seis. O regulamento xeral indica que os 4 partidos clasificatorios se xogarán seguidos contra o mesmo rival e que os puntos conseguidos polas compoñentes femininas -que deberán xogar todos os encontros- valerán dobre.

No volei 5×5 disputaranse dous sets a 7 puntos -punto directo con cambio de saque- con cinco deportistas no campo por equipo. No caso do fútbol sala só haberá un tempo de 10 minutos sen parar o crono e os penaltis que poida haber lanzaranse desde o medio do campo sen ninguén na porteiría. Para o baloncesto de tres contra tres tamén haberá un único tempo de 10 minutos a reloxo corrido, todas as canastras valerán dous puntos e non existirá o campo atrás. Por último, no hóckei permitirase xogar con ou sen patíns e, igual que nos anteriores deportes, o tempo correrá sen pausa durante 10 minutos.

Cada partido gañado serán dous puntos, o empate un punto e o partido perdido cero puntos. Os catro equipos que acaden unha maior puntuación xogarán as semifinais. En caso de empate entre dous equipos xogarase un partido de desempate elixindo o deporte por sorteo. Se volvese haber empate o pase decidirase cun penalti, tiro libre ou saque directo ata que un dos dous falle.

Haberá premios para o primeiro e segundo clasificados. O equipo gañador recibirá un cheque de 50 euros por deportista para mercar material deportivo, mentres que os subcampións levarán cadanseu talón por valor de 25 euros, tamén canxeable por material en Deportes Sanesteban.

O VI Tetramaratón de San Sadurniño está organizado pola Concellaría de Deportes coa colaboración do C.V. Aldebarán e o Clube de Fútbol San Sadurniño.

Listado de equipos participantes
Drink Team
Maccabi de levantar
Titanes
Los Chocolatinos
Steava de Grifo
Avenida
C.F. San Sadurniño
Recreativo de Juerga
C.T. Anoesa
Vizoivi Sansa
Mesón O Forno
Tafad Girl
Paum
Última Hora

1 de abril de 2015 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.