Un grupo de alcaldes e representantes municipais de México e Perú visitan a cidade herculina para coñecer o proxecto Coruña Smart City

Visita da delegación mexicana
Os responsables das áreas municipais de Facenda, Rosa Galego, e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, recibiron no Palacio Municipal de María Pita a unha delegación de alcaldes e representantes municipais de México e Perú que visitan a nosa cidade para coñecer a fondo o proxecto Coruña Smart City. Durante a visita, os representantes das cidades peruanas de Lima, Lince e Carabayllo; e de Monclova, Saltillo e Atizapán de Zaragoza (México), recibiron información sobre o proxecto Coruña Smart City e o seu desenvolvemento e intercambiaron experiencias sobre os novos retos de xestión municipal a través das novas tecnoloxías.
Os concelleiros coruñeses subliñaron a importancia de compartir o proxecto Coruña Smart City e as súas solucións para que os cidadáns teñan servizos cada vez máis eficaces, máis eficientes e sustentables que fagan posible unha maior calidade de vida, así como a satisfacción polo interese que están a xerar tanto a plataforma tecnolóxica que xa está en marcha como os distintos proxectos piloto en distintas áreas de xestión: mobilidade, turismo, xestión da auga, administración electrónica…
Esta visita súmase ás realizadas en marzo pasado por representantes municipais de Adana (Turquía) e Atlanta (Xeorxia, EEUU); e aos encontros con empresas de Brasil, México, Chile, Colombia, Perú, Panamá e Honduras, que evidencian o potencial que ofrece o proxecto Coruña Smart City para facer da cidade un socio apreciado na contorna internacional.











