Tui e Valença acollen este fin de semana a primeira proba do Open de España de enduro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaTui
A-
A+
Presentación da Big Ride Eurocidade

Presentación da Big Ride Eurocidade

O Open de España de enduro BTT arrinca este sábado e domingo na sede da Eurociudade Tui-Valença do Minho. A xa coñecida Big Ride cruza a fronteira nesta primeira proba da competición, para achegarse ao país veciño, Portugal. O enduro trátase dunha nova modalidade de mountain bike cun formato moi similar ao dos tradicionais rallyes de coches, cunha serie de tramos cronometrados e outros tramos de enlace.

Tui estreábase como sede desta proba nacional no ano 2012 e desde entón esta cidade fronteiriza non deixou de acoller esta carreira de enduro. O circuíto de Tui é xa coñecido como un dos máis físicos e técnicos do Open, e a montaña atlántica, en concreto o Monte Aloia, é considerado como un dos paraísos do overmountain. E ese monte será precisamente o que comparta xunto ao Monte Faro a dobre xornada de competición.

Esta mañá, a Cámara Municipal de Valença do Minho acollía a rolda de prensa de presentación do Open de España, que nesta edición terá un carácter internacional ao combinar tramos no Monte Aloia, con tramos no Monte Faro. “Quixemos achegar a proba ao país veciño, Portugal, pola propia experiencia de competir unha mesma proba en dous países e dous montes que aínda que parecen similares teñen as súas propias peculiaridades”, comentaba Guti Martín, director técnico de Big Ride. Tamén animaba ao público a que se achegue á Macoca onde estará o paddock para fundirse cos corredores e gozar do espectáculo ao medio día coa chegada dos participantes.

Pola súa banda o presidente da Cámara Municipal de Valença, Jorge Mendes, mostraba a súa alegría por poder compartir sede con Tui por primeira vez na historia do Open: “ É un pracer acoller a primeira proba do Open de España de enduro, onde o día 1 será para adestramentos e o día 2-3 para a competición. Sentimos orgullosos de ser sede desta competición, levamos moito tempo traballando e continuaremos facendo da Eurocidade un destino deportivo”.

O alcalde de Tui, Moisés Rodriguez, agradecía á organización o feito de elixir un ano máis a Tui como sede de arranque do open e lembraba o traballo tan duro para organizar este tipo de probas: “ Detrás de cada hora de pedaleo hai outras tantas de traballo, moita xente involucrada realiza un esforzo enorme para que a competición salga adiante, desde organización, técnicos de deportes, bombeiros, voluntarios … a todos grazas”.

O xoves os corredores poderán facer o recoñecemento de tramos, o venres será día oficial de adestramentos, e o sábado e o domingo serán as xornadas de competición. En total, a proba constará de 7 tramos, distribuídos nos dous días, nos que a tipoloxía e a quilometraxe dos tramos serán moi similares 31,5 km o sábado e 33 o domingo.

Entre as novidades coas que contará Big Ride Eurocidade, cabe destacar a localización do paddock, que este ano se instalará na zona coñecida como A Macoca, ao comezo da subida ao Monte Aloia, e non no centro de Tui como viña sendo habitual ata agora. Ademais, a organización tentou aumentar a emoción investindo a orde de saída dos corredores, de forma que o actual campión do Open, Roger González, sairá en último lugar.

28 de abril de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.