Sortéanse as mesas electorais para os comicios locais do 24 de maio na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

No Concello da Laracha celebrouse esta mañá unha sesión extraordinaria do Pleno na que foron sorteadas as mesas electorais para os comicios locais do vindeiro día 24 de maio. O secretario da Corporación informou aos concelleiros de que no colexio electoral da parroquia de Torás (biblioteca municipal da Laracha) serán constituídas nesta ocasión catro mesas, unha máis das tres habituais, tal e como decidiu a Oficina do Censo Electoral da Coruña. Esta situación débese ao aumento no número de habitantes e, por tanto, de votantes rexistrado na parroquia á que pertence a capital municipal.

Informe de tesourería

Salientar, ademais, que se deu conta á Corporación do informe de tesourería e intervención sobre pagamento aos provedores correspondente ao primeiro trimestre do ano 2015. O documento, que pode consultarse na sección “servizos económicos” da web municipal (www.alaracha.es) pon de manifesto que o Concello da Laracha abonou as facturas por termo medio con 10,17 días de antelación ao período máximo previsto legalmente.

As medidas de loita contra a morosidade establecidas polo Goberno Central establecen a obriga de dar conta ao Pleno deste informe trimestral.

27 de abril de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.