publicidade hoxe

Sete veciños de Frades inician un curso gratuíto sobre servizos básicos de restaurante-bar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

Sete veciños e veciñas de Frades veñen de iniciar as clases nun curso de servizos básicos de restaurante-bar, unha iniciativa formativa gratuíta organizada polo Concello de Frades en colaboración coa Deputación da Coruña. O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, foi o encargado de dar a benvida aos alumnos e desexarlles que tiren o maior proveito posible deste curso, no que aprenderán como organizar servizos de banquetes, buffet, servizo de viño, café, té, cócteles… así como outros conceptos básicos como seguridade, hixiene, elaboración de cartas ou facturación.

As clases comezaron co módulo de inglés adaptado á restauración, polo que durante esta semana aínda se aceptarán novas incorporacións ata completar o número total de prazas dispoñibles. Aqueles veciños e veciñas de Frades ou de municipios próximos que estean interesados en participar poden anotarse na Casa do Concello, en horario de 9 a 14:00 horas, ou a través do teléfono 981 695 567.

As clases terán lugar no multiúsos de Frades ata o próximo 12 de xuño, de luns a venres en horario de 16:00 a 20:00 horas. A participación é totalmente de balde.

14 de abril de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.