Sarela únese á Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Sarela acaba de darse de alta como membro da Asociación de Pacientes e Usuarios/as do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago). Unha delegación da entidade visitou Sarela na tarde do xoves 23 de abril, onde mantivo unha reunión coa Xunta Directiva na que se formalizou esta alianza.

A Asemblea Xeral de Sarela, celebrada o pasado marzo, ratificou a proposta da Xunta Directiva de integrarse na Asociación de Pacientes do CHUS. Esta proposición está fundamentada na coincidencia dos fins de ambas entidades, e no feito de compartiren ámbito xeográfico: a área sanitaria de Santiago de Compostela.

Os fins da Asociación de Pacientes son a defensa do sistema público universal de saúde, a defensa dos dereitos dos e das pacientes (actualmente recoñecidos ou non), o asesoramento e información ás persoas asociadas, a interlocución coas autoridades sanitarias, profesionais sanitarios e outras asociacións de pacientes, e unha función de vixilancia e control das decisións políticas.

Pola súa banda, Sarela constituíuse para reivindicar os dereitos de todas as persoas con dano cerebral adquirido da área sanitaria articulada en torno ao hospital de Santiago de Compostela, en consonancia coas reivindicacións da entidade de pacientes. Aínda que se trata dunha entidade que reúne persoas con discapacidade, non necesariamente doentes, o vínculo das persoas usuarias de Sarela co sistema sanitario é constante, polo que a asociación está moi interesada en velar polos seus intereses e necesidades dentro dese ámbito.

Unha delegación da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS estivo o pasado xoves, 23 de abril, en Sarela. A Xunta Directiva da Asociación de Dano Cerebral comunicoulles a decisión de Sarela de asociarse á entidade, que quedou efectivizada no momento. A continuación, as persoas representantes da Asociación de Pacientes visitaron as instalacións de Sarela.

30 de abril de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.