Santiago Futsal fai as delicias da afección no último encontro na casa da tempada

Encontro do Santiago Futsal e o Peñíscola
Santiago Futsal despedíase da súa afección, unha afección que levou polo aire ao equipo toda a tempada e que hoxe quería ver a mellor versión dos seus. E eles non defraudaron. Aos 5 minutos de comezar o encontro, Dani ‘Chinés’ inaugurou o marcador cun remate de cabeza ao segundo pau tras unha xogada individual de Lucho. Cinco minutos despois, e cun Santiago que despregaba o seu mellor xogo na pista do Multiusos, Kike marcaría o segundo nunha xogada de estratexia dos brancos tras saque de esquina que pillou aos visitantes por sorpresa e que deixaron ao croata rematar a pracer ao segundo pau.
Borja protagonizaría unha espectacular carreira pola banda tras recuperar o balón no seu propio campo, para cederlla a Diego Quintela e este facer o terceiro dos locais antes do descanso. Tras o paso por vestiarios, e sen apenas tempo para que os afeccionados volvesen aos seus asentos, Iván Rumbo aumentou a conta local aos 16 segundos do comezo cunha vaselina fronte ao porteiro visitante que significou o cuarto tanto dos de Santiago.
Marcos Vara, meta local na noite de hoxe, tamén protagonizou unha magnífica actuación evitando os tantos visitantes nas accións con perigo do Peñíscola Adegas Dunviro. No ecuador da segunda parte, Iván Rumbo repetiría como goleador ao anotar o quinto tanto local a porta baleira tras pase de Lucas Bolo desde a frontal da área.
Javi Alonso vestiría a camiseta de porteiro xogador do Peñíscola Adegas Dunviro os últimos dez minutos de partido, pero nun balón recuperado por Hugo Sánchez dentro da súa área, chegaría o sexto tanto local para delirio da afección compostelá.
Nos últimos dous minutos de partido, Vaporaki e Juanqui anotarían senllos tantos para os seus. Pero o último tanto do encontro chegaría das botas do pivote de Arzúa, Diego Quintela, que anotaría o sétimo e definitivo a falta dun segundo para o final do encontro.
O conxunto branco despídese así da súa afección, cun partido redondo que significou a sexta vitoria en casa da tempada.











